O BNG preguntará no Pleno polos Orzamentos, polo Plano de Inclusión Social e o asociacionismo
A Coruña, 4 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG trasladará ao próximo próximo Pleno, que se celebrará o vindeiro xoves día 11, respectivas preguntas para a súa resposta oral sobre os Orzamentos 2016, o tecido asociativo e a inclusión social.
Así, a respecto do primeiro tema, as nacionalistas preguntan se o Goberno municipal é consciente do prexuízo lle estar a causar ás coruñesas e coruñeses o que supón non contar aínda cuns Orzamentos.
Deste xeito, o BNG, insiste en demandar ao Goberno municipal e ao Grupo Municipal do PSOE o deixar a un lado a obstinación demostrada durante esta última semana e que se retomen as negociacións para a elaboración dos Orzamentos. Debemos, canto antes, resolver e aprobar unha proposta de Orzamentos. É por iso que lle inquirimos ao Goberno municipal sobre se é consciente do dano que pode supoñer seguir prorrogando indefinidamente os orzamentos do PP, sen dar solución aos problemas da veciñanza das coruñesas e coruñeses, sen que as asociacións poidan continuar coa súa actividade pola paralización dos convenios ou subvencións, e, sobre todo, tendo en conta que no Concello non se poden levar a cabo políticas novas, indican as nacionalistas.
Por outra banda, o Bloque preguntaralle ao Goberno municipal que medidas se teñen pensado implementar para fortalecer o movemento asociativo na cidade. Segundo o BNG, débese dar impulso ao movemento asociativo, apoiando o fortalecemento das organizacións sociais e o aumento da súa representatividade, como vía para avanzar nunha acción de goberno realmente transformadora das condicións de vida da veciñanza. Así, as nacionalistas lembran que un tecido asociativo forte, con personalidade propia, co que se colabore no mantemento e na xestión de espazos e locais públicos, que se lle faga partícipe da xestión participativa e non lucrativa no programa de actividades socioculturais e mesmo que se lle facilite de recursos é o mellor garante para a democratización e corresponsabilidade do goberno da cidade.
Por último, o Grupo Municipal do BNG tamén trasladará ao Pleno da vindeira semana unha pregunta relativa a se se vai a elaborar un Plano de Inclusión Social. As nacionalistas lembran que está era unha das propostas prioritarias que levaban no seu programa #TodasAsCoruñas. Correspóndelle aos poderes públicos en xeral, e ao Concello da Coruña dentro das súas competencias, realizar políticas de cohesión social dirixidas especialmente á inserción sociolaboral dos colectivos mais vulnerábeis. É por iso que desde o BNG cremos fundamental realizar, coa participación activa de todos os sectores implicados, un Plano Integral de Inclusión Social do Concello da Coruña, conclúe Avia Veira.