Ence fora da ría! O BNG presenta unha moción para perdir a revogación da prórroga
A Coruña, 8 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou para o seu debate no próximo Pleno do xoves día 11 unha moción na que insta a amosar publicamente o rexeitamento do Concello da Coruña á decisión vergoñenta do Goberno do Estado, actualmente en funcións, de prorrogar a concesión á papeleira Ence durante 60 anos máis, polo que permanecerá na ría de Pontevedra até 2073.
O Grupo Municipal do BNG presenta unha moción para que o Concello da Coruña amose publicamente o seu rexeitamento á decisión vergoñenta do Goberno do Estado de prorrogar a concesión de Ence ate 2073
As nacionalistas lembran que o pasado 25 de xaneiro, o Goberno do Estado español en funcións, decidiu prorrogarlle a concesión á papeleira Ence. Esta decisión, destaca o BNG, tomouse lonxe de Galiza e se tomou ao máis alto nivel dentro do aparato do Estado, hipotecando o futuro e medio ambiente de Pontevedra e empregando o noso país como territorio para o enriquecemento dunha empresa privada. E foi así, tomada a última hora, de forma vergoñenta, cun Goberno en funcións que tiña de prazo para resolver esta prórroga até o ano 2018 indo en contra do sentido común e do interese xeral favorecendo unha empresa privada que ten no seu Consello de Administración a membros coñecidos do Partido Popular, indica Avia Veira.
Asemade, o BNG sinala que nin a escusa dos postos de traballo é válida para xustificar esta decisión pois dentro das cifras de emprego da cidade de Pontevedra, só o 0,7% (260) das persoas que traballan na cidade (37.000) o fan directamente na empresa papeleira. E de feito a súa prórroga tampouco vai servir para que as 7.000 persoas que se atopan no desemprego na cidade do Lérez poidan traballar.
De feito, as nacionalistas subliñan que moitas galegas e galegos, e a maioría dos pontevedreses, amosaron a súa oposición frontal a esta prórroga na multitudinaria manifestación celebrada o pasado 29 de xaneiro, baixo a convición de que o futuro de Pontevedra, e polo tanto de Galiza, debe de ser o dunha ría sen Ence.
As nacionalistas, na mesma iniciativa, solicitan tamén esixirlle a Xunta de Galiza que demande do Goberno do Estado a revogación desta prórroga de 60 anos máis e amosar o apoio do Concello da Coruña ao de Pontevedra na súa loita pola revogación
Así, amais de propor que o Concello da Coruña amose publicamente o rexeitamento a esta decisión vergoñenta, as nacionalistas propoñen que a Xunta de Galiza demande do Goberno do Estado a revogación da prórroga durante 60 anos máis da concesión de Ence na ría de Pontevedra, decisión motivada, segundo o BNG, polos intereses económicos da empresa papeleira, en cuxo Consello de Administración participan membros coñecidos do Partido Popular, e obviando os intereses xerais de Pontevedra, e polo tanto de Galiza, e do noso medio.
Por último, o Bloque solicita que o Concello da Coruña manifeste o apoio ao de Pontevedra na súa intención de loitar pola vía política, administrativa, xudicial e social contra esta decisión do actual Goberno en funcións.