O BNG pedirá en Pleno que o Concello esixa a retirada do proxecto de lei do aborto
A Coruña, 11 de xaneiro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do vindeiro martes unha iniciativa para que a Corporación do Concello da Coruña exixa a retirada do proxecto de Lei de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada e inste á Xunta de Galiza para que garanta que as mulleres teñan a capacidade de decidir libremente sobre os seus corpos e a súa maternidade nas primeiras semanas do seu embarazo e a que demande do goberno do Estado (e ao Ministerio de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
Tamén na iniciativa das nacionalisas ínstase, por parte do Pleno, á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Por último, insta á Xunta a pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
O BNG considera que o anteproxecto de Lei do Aborto, aprobado o pasado 20 de decembro polo Partido Popular, representa un retroceso de décadas e que vulnera dereitos consolidados das mulleres sobre a súa saúde sexual e reprodutiva.
A nova lei do PP, salientan as nacionalistas, pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultrarelixiosos e do propio PP, que se opoñen os dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios. A futura normativa obriga as mulleres a teren crianzas non desexadas ou a procuraren solucións fóra das fronteiras dun estado que parece situarse na cola nesta materia e a ser un referente na perda de liberdades e dereitos adquiridos.