O BNG denuncia a instalación de barreiras arquitectónicas na rúa Atocha baixa
A Coruña, 12 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira denuncia que o Goberno municipal do PP está a facer da reforma da rúa Atocha Baixa un bloque de cemento, cando ía ser unha rúa peonil con árbores e bancos. Sinala a nacionalista que os veciños e veciñas non están de acordo con esta actuación e formúlalle ao Goberno do Sr. Negreira unha serie de preguntas en que advirte da instalación de barreiras arquitectónicas nesta rúa.
A edila do Bloque pregúntalle ao Goberno do PP se tivo en conta os criterios de accesibilidade universal á hora de acometer esta reforma, na medida en que se están a instalar máis barreiras arquitectónicas das que había antes. Tamén pregunta se ten en conta o Goberno que as persoas con mobilidade reducida non poderán empregar a rúa paralela, Fonte de Seoane, dado que por estas beirarrúas non colle unha cadeira de rodas.
Ademais, Avia Veira interésase polo motivo que leva o Goberno do Sr. Negreira a escoller un muro de contención no lugar dunha rampla ou calquera outra solución que puidese garantir a accesibilidade universal. A concelleira do BNG tamén pregunta polos pluviais e mais polas árbores que había no lugar.