O BNG organiza este xoves un debate sobre a reforma da lei do aborto
A Coruña, 3 de xuño 2013.- O BNG da comarca da Coruña continúa coa campaña iniciada a semana pasada contra o anteproxecto de Lei de Modificación do Aborto, unha normativa coa que o PP nos fará retroceder até o 1985. Así, este xoves, 6 de xuño, ás 20h, na AC Alexandre Bóveda (Olmos, 16-18 - 1º), as nacionalistas organizarán un debate, aberto a todo o público, sobre o anteproxecto de lei, un acto en que intervirán Carme Adán, parlamentaria e portavoz de política de Igualdade do BNG, Roci Fraga, activista feminista, e María Seixo, da Plataforma SOS Sanidade.
Ademais de saír á rúa para evitar que esta lei feita ao ditado dos sectores ultracatólicos, o BNG continúa co traballo institucional para tombar a reforma da lei. Así, no Parlamento de Galiza, a deputada Carme Adán, defendeu unha iniciativa contraria á modificación da actual Lei 2/2003, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo.
O BNG reclamará en Pleno garantir o aborto libre e de balde nos hospitais galegos e a restitución da atención ás mulleres no COF do Ventorrillo
Igualmente, o BNG está a presentar nos concellos da comarca mocións para instar a Xunta de Galiza a que solicite que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Ademais, as nacionalistas reclaman, a través das mocións, a restitución da atención ás mulleres no centro de orientación familiar (COF) do Ventorrillo.
As nacionalistas sinalan que a normativa impulsada polo Partido Popular ten como obxectivo a aplicación do programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios. Alertan de que esta lei provocará que se regrese aos abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos e ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas.