O BNG denuncia que o recorte de trens A Coruña-Ferrol é maior que o anunciado

O BNG denuncia que o recorte de trens A Coruña-Ferrol é maior que o anunciado

A Coruña, 3 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia o desinterese sen medida do Goberno do Sr. Negreira ante o moribundo tren que une A Coruña con Ferrol e coas principais vilas da nosa comarca. Precisamente, no Pleno ordinario de maio, o rolo da maioría absoluta do PP na nosa cidade impediu o debate da moción do BNG para o mantemento dos servizos ferroviarios e para a implantación do tren de proximidade.

No día de hoxe, o Goberno central, coa complicidade da Xunta de Galiza e do Goberno municipal, acometeu o tiro de graza a boa parte dos servizos ferroviarios de media distancia que partían ou tiñan como punto de regreso A Coruña. As nacionalistas denuncian que a xa de por si escasa oferta de servizos da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol, de cinco frecuencias ao día ida e outras cinco volta, ficou reducida nun 40%, a tres frecuencias de ida e tres de volta, un recorte que no caso das paradas de Cambre será total, segundo a páxina web de Renfe (www.renfe.es), e que no caso do apeadoiro do Campus de Elviña e do Burgo será un retallamento de máis da metade.

Até o día de onte, tanto no Campus de Elviña, como no Burgo como en Cambre paraban os cinco trens de ida e os cinco de volta que tiñan como destino Ferrol e A Coruña. Porén, á vista da web de Renfe, non se contempla ningunha parada para Cambre nos tres trens de ida e nos tres trens de volta. No caso do Burgo pararán dous dos tres trens de ida (06.56h e 14.42h) e dous de volta (18.23h e 20.17h) e no caso de Elviña pararán un de ida (21.30h) e un de volta (08.19h). Á vista dos datos que fornece a páxina web de Renfe, o recorte nos servizos é aínda maior do inicialmente anunciado polo Goberno central.

As persoas usuarias, sen información sobre o recorte de servizos

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG advirte da falta de información por parte de Renfe e de Adif na estación de San Cristovo, onde as persoas usuarias non están a saber, nin sequera no día de hoxe, con que servizos poderán contar.

O BNG denuncia que o recorte de trens A Coruña-Ferrol é maior que o anunciado