O BNG organiza na Coruña unha xornada de debate aberta para alertar dos efectos devastadores do TTIP

O BNG organiza na Coruña unha xornada de debate aberta para alertar dos efectos devastadores do TTIP

ttip 1A Coruña, 24 de febreiro de 2015- O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e mais a concelleira e candidata do BNG-Asembleas Abertas, Avia Veira, presentaron esta mañá en rolda de prensa a xornada de debate “Soberanía e dereito a decidir! A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP)” que convoca o Bloque para este sábado para explicar as consecuencias devastadoras para Galiza deste tratado.

Así, o BNG convoca para as 18.30h deste sábado no salón de actos do CUR (antiga Empresariais) unha asemblea aberta que contará coas intervencións de Marisol Mirás, activista do movemento veciñal e número 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG e cabeza de lista da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Joseba Permach, responsábel da área socioeconómica de SORTU, integrante de EH Bildu, para falar do TTIP. Amais da asemblea aberta, darase conta das conclusións do encontro que previamente manterán representantes de organizacións sociais e proxectarase un vídeo da CIG sobre este tratado.

Na rolda de prensa, Bieito Lobeira explicou que a xornada de debate deste sábado forma parte da primeira fase dunha campaña de explicación social que está a pór en marcha o Bloque para explicar e alertar dos riscos e do “impacto brutal” da aplicación deste tratado económico no podo galego. Expuxo que na segunda fase desta campaña o Bloque buscará “a oposición e a mobilización social”, co fin de parar un tratado con “consecuencias absolutamente brutais para o pobo galego e, nomeadamente, para as clases traballadoras, a parte do pobo que peor o está a pasar”.

Lobeira: Con esta campaña, queremos chamarlle as cousas polo seu nome, como xa fixemos no seu día cando denunciamos as consecuencias negativas da integración na UE

ttip 2O secretario de Organización do BNG salientou que a formación nacionalista “chámalle as cousas polo seu nome, como xa fixo no seu día cando puxo sobre a mesma as consecuencias da integración do Estado español na UE e as consecuencias negativas que tería nos sectores económicos estratéxicos do país”. “E neste caso, faremos o propio, para explicar as consecuencias irreversíbeis que pode ter o tratado para Galiza”, engadiu Lobeira. “No nome do negocio válelles todo, válelles acabar coa saúde da xente, válelles fundir os intereses das clases traballadoras e válelles afondar aínda máis na precarización, coa liquidación da negociación coletiva nas relacións laborais”, denunciou.

Entre os efectos “perniciosos” do tratado, Bieito Lobeira alertou da anulación do poder, do control e do regulamento dos Estados á hora de garantir as condicións mínimas para o seu pobo. “Unha gran corporación multinacional ou un banco poderán denunciar un Estado para baixar o salario mínimo por considerar que é alto ou para privatizar a sanidade pública por entender que é demasiado garantista”, exemplificou. Sinalou tamén outro exemplo no eido farmacéutico, “poderase engordar os beneficios das grandes empresas farmacéuticas a través da exclusividade de patentes ou mediante a permisividade á hora de utilizar eventualmente produtos químicos que prexudican a saúde”.

Lobeira: A raquítica autonomía de Galiza quedaría absolutamente anulada e a Xunta de Galiza deixaría de ter capacidade normativa

No caso galego, unha nación sen Estado, advertiu de que os efectos serán máis devastadores, pois temos os salarios e as pensións máis baixas, amais das peores condicións laborais do Estado español. “A raquítica autonomía de Galiza quedaría absolutamente anulada e a Xunta de Galiza deixaría de ter capacidade normativa en cuestións da súa competencia, como no ámbito sanitario”, destacou Bieito Lobeira para amosar esa “indefensión absoluta” na que ficará Galiza.

Neste contexto, o secretario de Organización do BNG, ao igual que anteriormente fixeron Paulo Carballada e Avia Veira, animou o pobo a sumarse á xornada de debate deste sábado. Finalizou salientando a necesidade de que se coñezan as consecuencias do TTIP co fin de promover un proceso de toma de decisión. “O pobo ten que decidir sobre a posibilidade de nos meter neste enxendro de tratato internacional e no Bloque temos claro rotundo non”, concluíu.

 

O BNG organiza na Coruña unha xornada de debate aberta para alertar dos efectos devastadores do TTIP