O BNG levará a pleno unha iniciativa para fomentar a igualdade do colectivo LGTBI
A Coruña, 25 de xuño de 2014- Dado que este 28 de xuño se conmemora o Día Internacional polos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, o Grupo Municipal do BNG anuncia que levará ao pleno ordinario de xullo unha iniciativa para garantir a igualdade real e efectiva entre todas as persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.
A través da iniciativa, as nacionalistas pediranlle ao Concello que inste a Xunta de Galiza a que acometa, de xeito urxente, a plena aplicación e desenvolvemento da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza. Así, o BNG reivindica dotar o Servizo de apoio e mediación LGTBI dunha liña de atención telefónica permanente ou calquera outra medida análoga para atender todos os casos de consulta, asesoramento ou denuncia de calquera tipo de agresión neste ámbito; o estabelecemento das medidas precisas para garantir que a Consellaría competente en materia de Cultura impulse e apoie as producións culturais que inclúan a realidade LGTBI e potencie referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade e a implantación dos mecanismos efectivos de colaboración para garantir a implicación de todos os poderes públicos.
A práctica deportiva, sen discriminacións
Ademais, o Grupo Municipal do BNG emprazará o Concello da Coruña a colaborar coa Xunta na aplicación da citada lei, así como coas asociacións, organizacións, colectivos e entidades, para garantir que a práctica deportiva e de actividade física en Galiza se desenvolva en termos de igualdade e sen ningunha discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o 28 de xuño ten que servir para demandar unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación e de facer visíbel unha realidade plural que moitas veces non existe por ser invisibilizada social e politicamente. Por iso, insta o Goberno municipal a planificar actividades ao longo de todo o ano que demostren o compromiso das institucións públicas coas reivindicacións da comunidade LGTBI.