O BNG leva a pleno unha moción contra as sancións aos emigrantes retornados
A Coruña, 19 de decembro de 2014- Acompañada de emigrantes retornados, a concelleira do BNG Avia Veira presentou esta mañá en rolda de prensa unha moción de apoio a este colectivo na súa loita contra as sancións do Ministerio de Facenda polas pensións percibidas desde o estranxeiro. Explicou que nesta iniciativa, o Bloque exixe medidas reais para que a tributación das pensións de emigrantes retornados sexa xusta e igualitaria e que os impostos que soportan non teñan un tratamento legal diferente polo simple feito de verse na obriga de desenvolver parte da súa vida laboral no estranxeiro.
A edila nacionalista expuxo que despois de recibiren requirimentos da Axencia Tributaria para que declarasen as cantidades percibidas para regularizar ou reformular a declaración da renda correspondente aos exercicios de 2008, 2009, 2010 e 2011, o conxunto de persoas afectadas ergueuse nunha forte resposta social. Foi a contestación social a que motivou a introdución na reforma fiscal prevista para 2015 dun proceso de regularización dirixido a este colectivo que, con todo, é unha solución parcial. Para o Bloque o anuncio do Goberno central non asegura un tratamento fiscal equitativo e non discriminatorio respecto doutras persoas que só perciben pensións de organismos do Estado español. Non podemos consentir que se lle dea unha solución simplemente cosmética ás xustas demandas deste colectivo coa Axencia Tributaria por atopármonos nas vésperas dun ano de importantes envites electorais, advertiu.
Neste contexto, a moción presentada polo BNG para o seu debate no pleno que terá lugar o luns insta o Pleno do Concello a demandar do Goberno do Estado español que acometa as modificacións lexislativas de maneira urxente para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios estados. O Bloque tamén reivindica o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, recoñecidas nos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións, e a solicitude de información dos países de procedencia das pensións, sobre todo de Suíza, para verificar que prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar a dupla imposición.
Ademais, Avia Veira informou de que a moción do Bloque exixe a revisión dos convenio marco con outros países para evitar que as sancións emitidas polo Ministerio de Facenda poidan volverse a producir e chamou os concelleiros do Goberno do Sr. Negreira a apoiar os veciños e ás veciñas beneficiarias destas pensións percibidas no estranxeiro afectadas polas reclamacións da Axencia Estatal Tributaria.
Os verdadeiros defraudadores son os poderosos aos que o PP beneficiou coa súa amnistía fiscal
A edila do Bloque salientou que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Así, advertiu de que existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, feito que, nas súas palabras, confirma a falta de intencionalidade de defraudar por parte destas, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.
Os verdadeiros defraudadores non son eles, senón os poderosos aos que o PP beneficia coa súa aministía fiscal, sinalou Avia Veira, que cualificou de inxusto e de discriminatorio o trato do Goberno do PP con estas persoas.
Manolo Vázquez: Atopámonos con que o premio á nosa conduta e a contribución ao desenvolvemento son atrancos, multas e acusacións de roubo
Xunto a Avia Veira participaron na rolda de prensa Chinto Prego, que pasou 22 anos en Xenebra, Manuel V. Iglesias, que estivo en Inglaterra 40 anos e Manolo Vázquez, que botou 40 anos en Suíza. En declaracións aos medios, despois de narrar as miserias que pasaron moitos galegos e galegas ao chegaren aos países aos que se viron na obriga de emigrar, Manolo Vázquez denunciou que tras moito sacrificio, volvemos á terra e atopámonos con que o premio á nosa conduta e á contribución ao desenvolvemento do país son atrancos, multas e acusacións de roubo a Facenda.
Os afectados apuntaron que cando volveron ao país se lles dixo que non tiñan que tributar polas pensións que cobraron do estranxeiro e denunciaron casos de netos e fillos que teñen que pagar as débedas dos seus familiares finados.