O Sr. Negreira por fin actúa despois de que o BNG pedira facer zona verde os terreos do Observatorio
A Coruña, 23 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG lamenta que tiveran que pasar máis tres anos despois de que as nacionalistas, a instancias dos veciños e veciñas da Agra do Orzán, lle trasladaran a proposta ao Ministerio de Medio Ambiente para o uso dos terreos do Observatorio Meteorolóxico como zona verde de uso público. Precisamente, en reposta ao BNG o 1 de setembro de 2011, o Goberno central afirmara apoiar a demanda das nacionalistas, os fins da Axencia Estatal de Meteoroloxía son apoiar as demandas dos veciños da zona en relación a dispoñer de áreas verdes.
A raíz da pregunta no Congreso, o Grupo Municipal do BNG instou o Goberno do Sr. Negreira a solicitarle ao Ministerio de Medio Ambiente a cesión dos terreos que non empregase o Observatorio para dotar a Agra do Orzán dunha zona verde. Así, a 30 de agosto de 2011 e a 30 de setembro de 2011, as nacionalistas remitíronlle ao Sr. Negreira toda a información para que o Goberno local tivese coñecemento da pregunta formulada polo Bloque e da resposta. Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG pedíalle ao Sr. Negreira que actuase en consecuencia para cumprir unha das demandas máis populares da Agra do Orzán, a cesión dos terreos do Observatorio de máis de 1.500 metros cadrados de superficie- para o seu uso como zona verde.
O Grupo Municipal do BNG volve insistir na necesidade de que a Agra do Orzán, onde viven 29.739 habitantes, conte con máis espazos verdes, tendo en conta que se trata do barrio cunha maior densidade de poboación 688,87 habitantes por hectárea.