O BNG leva a Pleno unha moción contra a contaminación electromagnética
A Coruña, 14 de marzo de 2015- A instancias da Coordinadora Galega da Plataforma contra a Contaminación Electromagnética, o Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha moción para debater na vindeira sesión plenaria contra a contaminación electromagnética. En primeiro lugar, as nacionalistas instarán o Pleno a se adherir ao pacto social pola defensa do medio ambiente, a saúde e contra a contaminación electromagnética. Ademais, o BNG solicitará no Pleno que o Concello minimice os límites de exposición da contaminación electromagnética, que aplique o principio de precaución e do principio Alara (tan baixo como sexa razoabelmente alcanzábel) na exposición aos campos electromagénticos e que emprenda campañas de información e etiquetaxe para minimizar á exposición á contaminación electromagnética.
A moción do BNG tamén empraza o Concello a nomear os centros de ensino libres de exposición á contaminación electromagnética, a impulsar o recoñecemento da Electrohipersensibilidade (EHS) e a protección das persoas electrohipersensíbeis no ámbito sanitario, laboral, público e privado (vivenda). Na mesma liña, o BNG insta o Concello a promover redes, tecnoloxías e técnicas biocompatíbeis e sustentábeis e a adoptar normas sanitarias de convivencia de protección da exposición pasiva.
O BNG pide garantir a saúde das persoas, que soportan altos niveis de radiación xeradas por antenas de telefonía móbil e dispositivos sen fíos, así como por redes de alta tensión
A moción do Grupo Municipal do BNG chama a atención sobre este emerxente e novo problema de saúde medioambiental, que está causando estragos nun bo número de familias e persoas afectadas polos altos niveis de radiación xeradas por antenas de telefonía móbil e dispositivos sen fíos, así como por redes de alta tensión (subestacións, transformadores...).
As nacionalistas sinalan que quen máis sofren a contaminación electromagnética son as persoas electrohipersensíbeis, cunha severa afectación ao seu estado de saúde (especialmente ante a exposición de campos electromagnéticos xerados por teléfonos sen fíos DECT, Wi-Fi, WIMAX, antenas de telefonía e demais aparellos que usan tecnoloxías sen fíos), obrigándolles a vivir en estados de extrema precariedade.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que esta nova problemática ambiental se inclúen intereses da industria das telecomunicacións presentes no ámbito científico e de toma de decisións (do mesmo xeito que pasou con outras industrias como a do tabaco). Isto, engaden as nacionalistas, afectan á súa imparcialidade coa promoción dun ideario negacionista de evidencias científicas.