O BNG reivindica medios de transporte público alternativos
A Coruña, 14 de marzo de 2015- Coincidindo coa apertura dunha parte da terceira rolda -dada a présa electoral do PP-, o Grupo Municipal do BNG reivindica a necesidade de contarmos con medios de transporte públicos alternativos, nomeadamente o tren de proximidade, para poder entrar e saír da cidade e para nos conectar cos concellos da comarca.
Advirten as nacionalistas de que as liñas de ferro veñen desde Ferrol e pasan por diferentes localidades da nosa comarca, polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña, polo Porto até o propio centro, a Praza de Ourense. Chama a atención que, malia isto, o Plan Municipal de Sustentabilidade Urbana (PMUS) aprobado polo Partido Popular non ten en conta os medios de transporte alternativos para entrar e para saír da Coruña, xa que só aposta polo tráfico rodado por estrada.
Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG insiste en que a apertura ao tráfico da terceira rolda da que aínda fica pendente o paso entre Elviña e O Birloque sobre a avenida de San Cristovo e a nova circunvalación de Mesoiro- non vai acabar cos embotellamentos crónicos que a cidade soporta. Segundo os últimos datos, de 2012, entran na cidade máis de 149.000 vehículos privados ao día.
O BNG lamenta que as obras da terceira rolda illen barrios da cidade
Por último, o Grupo Municipal do BNG sinala que sendo necesarias as infraestruturas non por isto teñen que provocar o illamento dos barrios da cidade, como está a acontecer coas Rañas e O Birloque e a segunda fase de Elviña, tal e como ten denunciado o Bloque en numerosas ocasións coa AVV Os Anxos.