O BNG leva máis dun ano reclamando que o faro de Oza sexa de usos culturais e sociais
A Coruña, 24 de setembro de 2014.- Ante o anuncio do acordo subscrito entre Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña para a cesión por parte da primeira do uso do Faro de Oza e toda a súa contorna urbana ao concello, o Bloque Nacionalista Galego sinala que leva desde agosto de 2013 demandando que o Faro de Oza sexa destinado a usos culturais e sociais por parte da veciñanza, o que implica un cambio de uso dos terreos no PXOM. Por esta razón, as nacionalistas presentaron unha moción no Pleno de setembro de 2013 e un rogo no Pleno de xullo de 2014 (achéganse dixitalizadas as iniciativas). O Goberno Local, logo da cesión, advirten as nacionalistas, non pode empregar o faro para usos particulares e mercantís que favorezan negocios privados de hostelaría a través de concesións administrativas.
O BNG lembra que desde maio de 2013 leva demandando un uso social e cultural do faro, así como a súa conservación e mantemento que permita o uso pola veciñanza deste ben patrimonial construído entre 1911 e 1915 e que desenvolveu as súas función de servizo de sinalización até 1963. Por este motivo o BNG presentou en agosto de 2013 unha moción para o Pleno de setembro dese mesmo ano a fin de que o faro de Oza fose destinado a usos sociais e apoiar así as demandas da Asociación de Veciños de Oza-A Gaiteira-Os Castros e a Cofraría de Pescadores da Coruña que, en base a un proxecto presentado no seu día no concello, reivindican darlle vida a este ben patrimonial con fins formativos, educativos, culturais e sociais para aproveitamento da veciñanza e pór fin, así, ao deterioramento do faro. Esta moción, na que se pedía ademais instar a Autoridade Portuaria a que concretase un convenio de uso destas instalacións con estas entidades, non puido ser debatida pola negativa do Partido Popular. Tamén as nacionalistas presentaron un rogo para o Pleno de xullo de 2014 que reiteraba o solicitado na moción de setembro de 2013.
En ambas iniciativas, o BNG sinalaba que o faro de Oza, recollido nas fichas do catálogo do PXOM, áchase fóra da zona de servizo portuaria mais está dentro da servidume do dominio público marítimo terrestre. Ademais o Plan Xeral recólleo na súa cualificación urbanística como equipamento dotacional sanitario polo que as nacionalistas solicitaban, nas iniciativas, que o Concello en Pleno, ao abeiro do art. 47.4 da LOUG, acorde o cambio de uso dos terreos onde se encadra o faro pasando de equipamento dotacional sanitario a equipamento dotacional cultural mantendo a titularidade pública.
As nacionalistas advirten que despois da cesión do faro por parte de Autoridade Portuaria, o Goberno Local non pode empregar o faro para usos particulares e mercantís que favorezan negocios privados de hostelaría a través de concesións administrativas.