O BNG da Coruña convoca asembleas abertas para chamar o pobo a se implicar contra os recortes
A Coruña, 25 de setembro de 2014- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña presentou na mañá de hoxe en rolda de prensa o proceso #ConstruíndoFuturo, unha proposta integradora e participativa de base nacionalista que servirá para afondar no proceso de diálogo e interlocución directa co pobo. O obxectivo, tal e como explicou o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, é a suma de forzas de cara a combater, desde unha óptica de defensa da nosa capacidade de decidir, os recortes de dereitos e retrocesos de liberdades aos que estamos sometidos.
No marco desta campaña de eido nacional, o BNG organiza asembleas abertas en todos os concellos da comarca. A asemblea aberta da Coruña terá lugar este martes, 30 de setembro, ás 20h no edificio sindical (avenida Alfonso Molina). Carballada explicou que esta asemblea está aberta a todas as persoas que coincidan, aínda que con matices, nos posicionamentos do BNG co fin de que suxiran, acheguen as súas observacións e opinións e para que poidan coñecer sen distorsións o proxecto do Bloque.
É o momento de se implicar e de tomar partido ante as políticas que nos agreden
Na mesma liña, o responsábel de Organización do BNG da Coruña, David Pena, animou a veciñanza a se implicar porque é o momento de tomar partido. Ante as políticas que nos agreden non se pode facer escapismo, engadiu, para animar os veciños e veciñas a se mobilizar e a se sumar ao traballo social de cara a construírmos unhas políticas alternativas que teñan como centro Galiza e as clases traballadoras.
Pola súa banda, a actriz Isabel Risco advertiu da importancia de ensanchar a base nacionalista atraendo máis xente, así como de recibir ideas e propostas que contribúan a facer unha alternativa máis plural. Tamén sinalou que este proceso participativo servirá para espallar que a soberanía é a alternativa para o país e que Galiza non pode ficar atrás no proceso de liberación dos pobos. Así, sinalou que o verdadeiro revulsivo pasa polo nacionalismo e que afortalar o nacionalismo é vital para o país.