Bravo esixe que se garanta a salubridade e a seguridade na escola infantil de Eirís

Bravo esixe que se garanta a salubridade e a seguridade na escola infantil de Eirís

A Coruña, 22 de xaneiro de 2013.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo rexistrou esta mañá unha iniciativa sobre o deficiente estado que presentan o centro de día de Eirís e a escola infantil, ambos dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar. Bravo advirte de que, ademais das pingueiras e dos problemas no funcionamento da instalación eléctrica, se desprendeu parte dun falso teito, motivo que provocou o peche do centro de día. Porén, a escola infantil continúa en funcionamento.

Á vista dos desperfectos que presentan ambos os equipamentos, Bravo pregúntalle ao Goberno municipal se adoptou algún tipo de medida para garantir a seguridade das crianzas, se se puxo en contacto coa Consellaría de Traballo e Benestar, por que motivo non se pechou a escola infantil unha vez que se pechou o centro de día e se non considera o Goberno municipal que deixar aberta a escola infantil con esas eivas evidentes pon en perigo a salubridade das crianzas.

Por último, Bravo anuncia que o BNG levará ao Parlamento de Galiza o deficiente estado en que se atopa o edificio que acolle a escola infantil e mais o centro de día, co fin de que a Xunta de Galiza actúe para arranxar os desperfectos.

 

 

Bravo esixe que se garanta a salubridade e a seguridade na escola infantil de Eirís