O BNG leva ao Congreso e ao Parlamento o desafiuzamento da veciña da Coruña

O BNG leva ao Congreso e ao Parlamento o desafiuzamento da veciña da Coruña

Comisaria 1

A Coruña, 27 de novembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas sobre o despexo que tivo lugar esta mañá na Coruña, onde se evidenciou que a solución do Partido Popular aos desafiuzamentos non pasa polas políticas sociais, senón pola represión policial.

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez denunciou nunha serie de preguntas para a resposta escrita que até 13 grilleiras da policía e numerosos axentes cercaron a rúa Antonio Noche para botar do seu piso esta veciña da cidade. Advirte de que a policía gravou as persoas que se achegaron á rúa para reclamar unha vivenda digna para a desafiuzada e que detivo seis persoas que se atopaban con Elisabeth Sanlés no momento en que ía ser desafiuzada.

Rosana Pérez pregúntalle ao Ministerio do Interior cantos axentes participaron no dispositivo, custou o esaxerado despregue policial, se era preciso que se rodease toda unha rúa, se tan perigosa era a acción e que riscos implicaba o despexo dunha muller da vivenda como para mobilizar semellante operativo policial. Ademais, pregunta se considera xustificado este gasto cando o PP recorta en sanidade, educación e servizos sociais, por que a policía detivo seis persoas, entre elas unha sobriña da desafiuzada, e se a policía gravou as persoas que se achegaron á rúa Antonio Noche.

O BNG empraza a Xunta a revisar o seu fracasado protocolo sobre desafiuzamentos e pregúntalle por que non evitou o despexo cando STOP Desafiuzamentos advertiu del hai máis de 3 meses

Ademais, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, rexistrou unha proposición non de lei, para debater tanto en pleno como en comisión, en que insta a Xunta a revisar o seu fracasado protocolo estabelecido para dar solución aos problemas de desafiuzamentos e a tomar as medidas oportunas para que ese protocolo sexa útil para toda a cidadanía galega afectada por un desafiuzamento.

Jorquera tamén formulará unha serie de preguntas para saber se a Xunta de Galiza era coñecedora da situación da persoa desafiuzada, por que o protocolo da Xunta non evitou o desafiuzamento, por que non se adoptaron medidas para solucionar o problema de despexo desta familia cando STOP desafiuzamentos advertira del hai máis de tres meses e para coñecer se a Xunta ten pensado levar a cabo alguna proposta para evitar futuros despexos de familias que non poden facer fronte aos pagos das vivendas.

 

 

O BNG leva ao Congreso e ao Parlamento o desafiuzamento da veciña da Coruña