O BNG lembra que o Goberno local segue sen revisar de oficio os actos e acordos ilegais de Someso
A Coruña, 2 de abril de 2014.-O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que mentres o Goberno Municipal fai un recoñecemento de débeda á Xunta de Compensación do Sector S-7 do Recinto Feiral, grandes beneficiarios da desfeita de Someso e incumpridores do convenio urbanístico de 27 de abril de 1998, pola execución das obras de urbanización da Avenida de Universidade, o mesmo Goberno Municipal non revisa de oficio os actos e acordos ilegais de Someso que, entre outras cousas, atribúen á Xunta de Compensación e propietarios particulares aproveitamento urbanístico sen contar cos requirimentos legais para a súa adquisición.
O Goberno do Sr. Negreira segue sen revisar de oficio os actos e acordos ilegais de Someso mentres recoñece débedas cos promotores que, entre outras cousas, atribúen á Xunta de Compensación aproveitamento urbanístico sen contar cos requirimentos legais para a súa adquisición
E é que o informe municipal de 15 de xuño de 2012 puña de manifesto a existencia de todo un conxunto de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito de actos e acordos municipais sobre o Sector S-7 de Someso. Infraccións e ilegalidades que evidencian unha omisión total e absoluta do procedemento legalmente estabelecido (respecto da enaxenación de bens e dereitos municipais) e atribución á Xunta de Compensación e propietarios particulares de aproveitamento urbanístico sen contar cos requisitos legais para a súa adquisición.
Así, sinalan as nacionalistas, o Goberno local está obrigado a revisar os actos administrativos que son nulos de pleno dereito (o acordo da Xunta de Goberno Local de 29.10.2004, de autorización á Xunta de Compensación do S-7 Feiral para materializar en metálico o aproveitamento municipal de cesión obrigatoria, así como o correspondente ao Concello como propietario de parcelas no ámbito; o acordo de XGL de 20.09.2005, de aprobación definitiva do Proxecto de Compensación do S-7 Someso, e o acordo da XGL de 03.02.2006, de subsanación de erros do Proxecto de Compensación do S-7 de Someso) e a proceder contra aqueles promotores que aportaron como propios bens que eran do Concello. Mentres, e en lugar de facer isto, o Concello recoñece débedas a aqueles mesmos que se aproveitaron de toda esta desfeita.