Agora as e os coruñeses tamén pagamos os servizos de limpeza e mantemento a organizacións privadas
Parcela privada e mantemento público: mentres o concello da Coruña mantén e coida o xardín, a parroquia das Roseiras prohibe estacionar os vehículos da veciñanza nos terreos adxacentes á igrexa sinalando que é un espazo privado.
Veciñanza do barrio das Roseiras vén de manifestar o seu malestar ao Bloque Nacionalista Galego porque mais unha vez impídeselles poder estacionar os seus coches en terreos adxacentes á igrexa da Nosa Sra. das Roseiras (como podemos ver nas fotos).
Así desde o xoves 10 de abril este espazo, propiedade do Arcebispado de Santiago de Compostela, permanece pechado con cadea motivado pola Semana Santa.
As veciñas e os veciños do barrio mostraron ao Grupo Municipal do BNG que se a eles se lles impide aparcar os seus coches neste lugar xa que é un espazo privado, cales son, entón, os motivos polos que o Concello da Coruña desenvolve accións de mantemento e limpeza neste lugar con cartos do pobo.
Así reiteraron a súa denuncia de que o Concello segue a manter os xardíns de saída da parroquia á rúa Manuel Azaña a través de operarios municipais do servizo de xardíns cando estes tiñan que ser mantidos e coidados pola propia igrexa xa que son da súa propiedade. Porén o Goberno do Sr. Negreira négao, malia ser unha evidencia.
E desde o BNG volvemos a solicitar que o Goberno Local deixe de manter este espazo privado.