O BNG lamenta que só o Concello da Coruña poña os cartos para o plan de mobilidade

O BNG lamenta que só o Concello da Coruña poña os cartos para o plan de mobilidade

A Coruña, 11 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que só sexa o Concello da Coruña quen vaia financiar o plan de mobilidade malia que o convenio foi asinado entre varias as Administracións (Goberno central, Xunta de Galiza, Deputación, Consorcio das Mariñas, Autoridade Portuaria e Concello da Coruña). Os nacionalistas consideran necesaria a implicación de todas as Administracións e que cada unha asuma as súas responsabilidades, esixen que o plan de mobilidade sexa metropolitano e sustentábel e que combine osdistintos medios de transporte alternativos ao vehículo privado: o ferroviario, o marítimo, a bicicleta, o transporte público por estrada ou o tranviario, tal e como recolleu o BNG no programa co que concorreu ás eleccións municipais.

Os nacionalistas insisten na necesidade de mellorar o transporte público colectivo para reducir o uso do vehículo privado. E é que o excesivo uso dos automóbiles privados por parte da cidadanía ao longo da comarca evidencia que o transporte público funciona de xeito deficitario. Cómpre, advirten os nacionalistas, coordinar a mobilidade a nivel metropolitana, cun transporte público, accesíbel, barato e cómodo, o que implica mellorar as frecuencias, as paradas, os horarios e, tamén, a seguridade viaria.

Onde están os estudos para a implantación do tren de proximidade e do metro lixeiro?

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pregúntase que é dos estudos orzados pola Xunta de Galiza e polo Goberno central para a implantación do tren de proximidade. Ademais, acusan o PP de enganar a cidadanía da Coruña por prometerlle un metro lixeiro cando, apenas un ano despois das eleccións,  o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas admitiu a inviabilidade deste medio de transporte. Os nacionalistas sinalan que nin o Sr. Negreira nin o Sr. Feijóo tiveron nunca a intención de estabelecer unha alternativa ao vehículo privado nin de implantar o metro lixeiro.

Cando a Xunta de Galiza aprobou os orzamentos, o Grupo Municipal do BNG xa evidenciara a burla de Feijóo á cidade da Coruña, xa que lonxe de investir os 1,5 millóns de euros previstos para o metro lixeiro, só orzou un estudo de 158.000 euros, para seguir estudando o estudado. E é que o Sr. Feijóo leva xa gastados máis de 1 millón de euros en estudos para o metro lixeiro. Os nacionalistas pregúntanse onde quedaron eses estudos.

 

O BNG lamenta que só o Concello da Coruña poña os cartos para o plan de mobilidade