Mato, nº1 do PP na Coruña: o retrato do fracaso do PP e das maiores cifras de paro na historia
A Coruña, 14 de setembro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, valorou a presentación de Beatriz Mato como número un do PP pola Coruña como "o retrato do fracaso do Partido Popular e da maior destrución de emprego que sufriron a cidade e a comarca da Coruña". "É tal o sadismo do PP que presenta de número un pola Coruña a responsábel de que Galiza sexa hoxe líder en desemprego, en emigración e en recorte de servizos sociais".
O portavoz nacionalista lembra que Mato "avalou e defendeu as virtudes da nefasta reforma laboral que está a afogar a cidade da Coruña e a comarca" e acusouna de darlle o visto e prace a EREs que provocaron máis paro e máis empobrecemento na Coruña. Lembrou ao respecto que foi Beatriz Mato a culpábel dos EREs en Caramelo, Bunge Ibérica, Sykes, Atento, Emesa, Emesa Trefilería, Mafecco, Industrias Caamaño... "Á vista de que arruinou a nosa comarca, podemos dicir que Beatriz Mato é o anticoruñesismo feito persoa", sinalou.
É tal o sadismo do PP que presenta de número un pola Coruña a responsábel de que Galiza sexa hoxe líder en desemprego, en emigración e en recorte de servizos sociais
Carril tamén lembrou que Mato "é a máxima responsábel do deterioramento dos servizos públicos e da destrución do benestar no noso país, na nosa comarca e na nosa cidade". Citou os recortes, a privatización e o encarecemento nas escolas infantís, nos centros de día, nos centros de menores ou en dependencia. "Temos os casos do centro de día de Eirís e o de Monte Alto, prexudicados pola teima desta señora en privatizar todo canto é público, ou as escolas infantís da cidade, con taxas que subiron o 50% e cos prezos de comedor que se incrementaron no 112%", apuntou.
O nacionalista concluíu criticando a obscenidade do PP ao poñer a Mato (cuxa incompetencia quedou demostrada) a dirixir as prestacións de servizos ás persoas máis necesitadas e indefensas da nosa comarca e do noso país.
--