O BNG insta o Sr. Negreira acometer obras básicas no barrio das Xubias, co fin de poñelo en valor
A Coruña, 12 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG espera que a visita desta mañá do Goberno local ás Xubias sirva para que se acometan todas e cada unha das actuacións recollidas polas nacionalistas tanto nas reclamacións aos orzamentos municipais de 2015 como na moción sobre As Xubias presentada polo Bloque no pleno de novembro de 2014. As nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira botou abaixo tanto as reclamacións aos orzamentos como a moción sobre As Xubias, iniciativas todas elas presentadas polo BNG despois de reunións de traballo cos veciños e veciñas da asociación cultural EUMEDRE das Xubias de Abaixo. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG insta o Sr. Negreira a ir máis alá das actuacións anunciadas para este barrio mariñeiro, que precisa, de maneira urxente, que se acometan obras básicas que o poñan en valor.
Na liña das reclamacións aos orzamentos municipais de 2015 e á moción sobre As Xubias, o Grupo Municipal do BNG solicita melloras en materia de mobilidade e tráfico como unha zona de estacionamento para a veciñanza; a prohibición do estacionamento na entrada das Xubias de Abaixo e na glorieta que se atopa onde a farmacia; liberar de coches a suba ao Materno; mellorar a seguranza vial de incorporación á Pasaxe desde o Materno; unha parada de bus o máis próxima posíbel ás Xubias de Abaixo; o pintado e sinalizado viario ou o cambio das bandas rugosas ao núcleo de vivendas.
En materia de infraestruturas e urbanismo, o BNG reclama o arranxo do pavimento enfronte do número 29 que vai ao embarcadoiro; trocar a varanda e intervir na cuneta que está vinte metros antes da residencia La Gaviota; mudar os sumidoiros e instalar uns novos na zona do túnel; mellorar a iluminación; arranxar a varanda da caseta de Renfe e da prazoleta; arranxar as escaleiras da praia do Cunchal; manter as zonas comúns do barrio; instalar alumeado e auga no embarcadoiro; declarar zona protexida As Xubias de Abaixo; destinar axudas públicas para mellorar a imaxe urbana das casas; colocar mobiliario acaído a un barrio mariñeiro; actuacións en casas ruinosas; recuperación do Camiño Inglés polas Xubias de Abaixo; conexión mediante unha pasarela de madeira do parque infantil coa zona dos mariscadores ou o soterramento da vía do tren ao paso polas Xubias de Abaixo.
No que respecta ao medio ambiente, o Grupo Municipal do BNG exixe a limpeza e roza das fincas; acondicionar o camiño do Pincho; substituír por plantas ornamentais a maleza ao longo da vía que atravesa As Xubias de Abaixo; adecentar muros e limpar grafitis; desratizar a zona (incluídos os camiños de ferro); erradicar os plumachos; colocar novos colectores do lixo, así como papeleiras; limpar os colectores e papeleiras existentes; asignar unha persoa varrendeira para o barrio que desenvolva o traballo con regularidade; mantemento periódico do parque infantil; canalizar a zona do parque infantil; limpar e poñer en valor o embarcadoiro e o acceso á praia ou limpar e adecentar o paso ao embarcadoiro baixo a vía.
A maiores, en materia de equipamentos, o Grupo Municipal do BNG propón a cesión do uso da caseta de Renfe para actividades do barrio.