Ofimático: O BNG volve denunciar as diferenzas de trato entre promotores e veciñanza de Elviña
A Coruña, 12 de xaneiro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que de se confirmar o aprazamento dos prazos no Ofimático, a diferenza de trato entre as grandes promotoras (moi beneficiadas no Plan Parcial) e a veciñanza de Elviña (botada ou a botar das súas casas con violencia) é propia dun show pola ostentación con que se fai. E é que mentres parte da veciñanza de Elviña foi despexada á forza das súas casas ou está pendente de selo, as grandes promotoras do Ofimático non só se benefician das melloras nas condicións de ordenación das súas parcelas na última modificación do Plan Parcial feita á súa demanda, senón que tamén cabe que poidan beneficarse co adiamento nos prazos de urbanización. O propio Xestur (Xunta de Galiza), logo de ver melloradas as súas condicións urbanísticas tamén polo Goberno Local, está en condicións de facer caixa coa venda da súa parcela Z-14 ás empresas das grandes superficies comerciais.
Porque non hai que esquecer, salientan as nacionalistas, que na última modificación do Plan Parcial aprobada polo Partido Popular no Pleno de decembro de 2014, a diferenza da veciñanza de Elviña que deixou ou vai deixar as súas casas en contra da súa vontade, as promotoras e Xestur sairon gañando porque, entre outras cousas, hai unha ordenación máis flexíbel en materia de cambio de tipoloxía da edificación, ocupación de espazo baixo cuberta con fins residenciais, remisión a Estudos de Detalle na ordenación de volumes, realización de voos sobre fachadas, acceso a garaxes e rebaixa de rasantes, de modo que terán menos cargas urbanísticas.