O BNG insta o Goberno local a devolverlle @s veciñ@s as prazas de aparcadoiro de S. Vicente de Paúl
A Coruña, 4 xaneiro de 2015- A iniciativa do Grupo de Barrio do de Monte Alto, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno local que lle devolva á veciñanza o espazo reservado na calzada de San Vicente de Paúl ao aparcadoiro de vehículos da policía local. As nacionalistas advirten das dificultades que teñen os veciños e veciñas para estacionaren os coches tanto pola falta de garaxes como polo alto prezo das prazas privadas dispoñíbeis, unhas dificultades que se están vendo agravadas coa reserva de espazo que vén de acometer o Goberno do Sr. Negreira.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira teime en renunciar á participación da veciñanza na toma de decisións que directamente lle afectan, como é o caso que se denuncia. E é que dun día para o outro, as persoas que habitan na rúa San Vicente de Paúl e na súa contorna viron, sen previo aviso, como se lles privaba dunha serie de espazos para aparcar. Ante esta falta de participación, o Grupo Municipal do BNG solicítalle ao Goberno local un cambio de actitude co fin de que consulte cos veciños e veciñas este tipo de actuacións.
As nacionalistas anuncian a presentación dunha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de saber os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a reservar un espazo da citada estrada para o aparcamento da policía local cando, supostamente, vai trasladar o cuartel.