O BNG exíxelle ao Goberno local que non volva pechar o rexistro municipal de Novo Mesoiro
A Coruña, 3 xaneiro de 2015- A iniciativa dos veciños e veciñas, o Grupo Municipal do BNG anuncia a presentación dun rogo co fin de pregarlle ao Goberno do Sr. Negreira que non volva pechar de xeito temporal o rexistro municipal situado en Novo Mesoiro, que leva sen abrir desde o 11 de decembro e que estará pechado até o día 8 de xaneiro. Ademais, as nacionalistas presentarán unha pregunta para a resposta escrita co fin de coñecer os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a pechar durante case un mes este rexistro municipal de Novo Mesoiro.
As nacionalistas consideran intolerábel que se prive o barrio de Novo Mesoiro, no que viven máis de 10.000 persoas, dun servizo tan básico como é un rexistro municipal, máxime tendo en conta as longas distancias que teñen que percorrer os veciños e veciñas de Novo Mesoiro para ir aos rexistros do Fórum (6,5 km), do Ágora (6,7 km) e de María Pita (8,2 km).
Colas no rexistro municipal de María Pita
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG volve solicitar a cobertura das prazas vacantes do rexistro municipal de María Pita, dada a saturación deste servizo. De feito, no día de onte, ao longo da mañá puideron verse longas colas, nomeadamente, nos postos de atención da tarxeta millenium. As nacionalistas responsabilizan o Goberno do Sr. Negreira desta situación, ao negarse a prover de persoal as prazas que ficaron desocupadas.
O BNG sinala que a falta de cobertura das prazas vacantes ocasiona unha mala imaxe do Concello, que non presta de xeito acaído o servizo que debería prestar, e a molestia dos traballadoras e traballadoras que, sen ter culpa ningunha, soportan unha forte presión polas protestas que lles transmiten as persoas usuarias ao teren que soportar as colas.