O BNG formulará en Pleno unha pregunta sobre a Operación Zeta e os seus vínculos con Negreira
A Coruña, 27 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego exíxelle ao Goberno Local, a través dunha pregunta oral, que dea explicacións ao Pleno da Corporación sobre as súas implicacións na Operación Zeta. E é que os grupos de presión do Partido Popular, que xogaron un papel relevante cando o PP estaba na oposición e na primeira metade do goberno do Sr. Negreira, están implicadísimos habida conta das imputacións existentes e semella que non actuaron por libre. Así, persoas imputadas como Gerardo Crespo ou Héctor Cañete, destacados militantes do Partido Popular, tiñan liña directa cos dirixentes do PP, como mostra o sumario.
O BNG levará ao vindeiro pleno de novembro unha pregunta oral (achégase dixitalizada) na que lle pregunta ao Goberno Local do Sr. Negreira, tras coñecerse o sumario da operación Zeta, se ten pensado dar explicacións ao Pleno da Corporación sobre as súas implicacións en dita trama. Ao longo do sumario recóllese toda unha serie de asociacións da cidade, desde o ámbito veciñal ao empresarial, que se significaron polo seu apoio ao Partido Popular, quer na oposición, quer no goberno, e que aparecen como entidades que recibían fraudulentamente dinero público escamoteando el destino por el que había sido concedido. As nacionalistas salientan a implicación de moitos dos seus dirixentes, destacados militantes ou simpatizantes do Partido Popular, habida conta das imputacións existentes, e sinalan que estes supostos interlocutores sociais semella que non actuaban por libre cando lanzaban distintas opinións. De feito, o sumario recolle as estreitas relacións que algúns deles tiñan con persoas dirixentes do partido.
Persoas imputadas como Gerardo Crespo e Héctor Cañete tiñan unha relación directísima co alcalde da Coruña, segundo se desprende do sumario
Como mostra desta estreita relación entre persoas imputadas e dirixentes do Partido Popular o sumario recolle, entre outras moitas, unha conversa telefónica entre Crespo, dirixente de FUNDEFO E AED, entre outras entidades, e Héctor Cañete, presidente da Asociación provincial de Hostelaría e máximo responsábel daquela da Confederación de empresarios de Hostelaría de Galicia. Nesta chamada telefónica Crespo informa a Cañete sobre unha conversa mantida polo primeiro con Negreira, tras as paralizacións dos plans integrais de empregos logo das inspeccións efectuadas por persoal da Consellaría de Traballo.
Os presuntos delitos polos que son imputados Gerardo Crespo e Héctor Cañete
Gerardo Crespo e Héctor Cañete, representantes de entidades sociais e militantes do Partido Popular, están imputados na operación Zeta. Gerardo Crespo pola súa participación nun presunto delito de fraude de subvención, estafa, malversación de caudais públicos, falsificación documental, tráfico de influencias e suborno, e Héctor Cañete pola súa participación nun presunto delito de fraude de subvención, estafa, malversación de caudais públicos e falsificación documental.