O Instituto Feiral presume de contratar traballador@s cualificad@s cun salario baixo
A Coruña, 28 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica que o Instituto Feiral da Coruña alardee de contar con persoal laboral temporal (bolseiros e bolseiras) que supón para nós un apoio de gran valor dada a evidente escasez dos nosos recursos humanos e tamén ao tratarse de traballadores cualificados e cunha baixa remuneración salarial. Así o recolle a Memoria dos Orzamentos 2015 e Programa de actuacións, investimentos e financiamento incluídos na documentación dos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano que vén.
Tal e como recolle o documento, estes bolseiros dedicaríanse ao desenvolvemento de tarifas administrativas e mais á figura de community manager e salienta a importancia das redes sociais e da web corporativa para aumentar a visibilidade e posicionamento da marca. Trataríase este do traballo a realizar polos traballadores cualificados cunha baixa remuneración salarial.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG considera repulsivo que unha institución que se financia con cartos públicos, como é o Instituto Feiral, presuma de contar con traballadores cualificados e de pagarlles un salario baixo, promovendo deste xeito a precarización laboral. Deste xeito, o Instituto Feiral, de cuxo patronato forman parte, entre outros, o Concello, a Xunta de Galiza e a Deputación da Coruña, é axente activo no empobrecemento da clase traballadora.
Un dato de 2013 que sae publicado nos orzamentos de 2015 e non nos orzamentos de 2014
Curiosamente, o apartado relativo aos bolseiros recóllese nas previsións orzamentarias e financiamento que, no canto de referirse ao ano 2014, se refire ao ano 2013. As nacionalistas chaman a atención sobre o feito de que os orzamentos de 2014 nada recollían sobre estas previsións orzamentarias de 2013 cando si se recollen nos orzamentos de 2015 (achéganse ambos os documentos).