O BNG exíxelle á Xunta a adopción de medidas contra as verteduras de hidrocarburos na ría da Coruña
A Coruña, 10 de marzo de 2015- Despois de facer o propio no Congreso, o BNG vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas sobre a vertedura de hidrocarburos que está a afectar a ría da Coruña, ás augas costeiras comprendidas entre a cala do Dexo e a punta de Alba. O deputado Daniel Rodas presentou unha proposición non de lei para o debate en Pleno e Comisión na que insta a Xunta de Galiza a adoptar medidas contra as verteduras que se veñen producindo, unhas verteduras que comezan a ser excesivamente frecuentes.
O parlamentar nacionalista explica nas iniciativas que a situación é extremadamente grave, pois aféctalle a un colectivo importante de mariscadores e mariscadoras e a outros recolectores, como percebeiros e percebeiras. Falamos duns colectivos con ingresos cativos, que carecen dun seguro que lles cubra este tipo de incidentes alleos a súa actividade e que os condena, máis unha vez, a quedar sen traballo e sen ingresos por falta de control, de seguimento e de inspección, advirte Daniel Rodas.
O deputado do BNG critica a pasividade da Consellaría de Medio Rural e Mar, que até a data, non foi quen de detectar as causas dos anteriores derrames nin está sendo dilixente para localizar as persoas responsábeis desta vertedura. Todo parece indicar, expresa o nacionalista, que a contaminación que sofre a costa da Coruña vén de fóra para dentro. Cos medios cos que conta a Xunta e o Estado non debería ser complicado determinar a causa da vertedura, indica Daniel Rodas, quen cuestiona que a Consellaría nada diga das medidas adoptadas para esclarecer os feitos e para exixir responsabilidades.
O BNG pregúntalle á Xunta se vai desenvolver algunha medida de axuda para compensar a perda de actividade polos peches cautelares por hidrocarburos
Ademais da proposición non de lei, o parlamentar do BNG presentou unha batería de preguntas para coñecer as xestións desenvolvidas pola Xunta para esclarecer a orixe das verteduras, que medidas adoptou para que as mariscadoras e mariscadoras e outros recolectores non sufran na súa actividade estas agresións ao medio ambiente e para saber se vai desenvolver algunha medida de axuda para compensar a perda de actividade polos peches cautelares por hidrocarburos.
Daniel Rodas tamén pregunta que medidas ten pensado adoptar a Xunta para impedir que se siga faenando mentres a resolución prohibe cautelarmente a extracción de moluscos infaunais e para cando ten previsto a Xunta acometer o tan demandando plan integral de saneamento da ría do Burgo, un plan, advirte Rodas, que debería contemplar a eliminación de todo tipo de vertidos, e o control das embarcacións que naveguen pola ría para impedir que poidan facer sentinazos.
Iniciativas no Congreso
Estas iniciativas súmanse á pregunta rexistrada pola deputada do BNG Rosana Pérez no Congreso para demandarlle ao Goberno central que investigue a vertedura de hidrocarburos que lle está a afectar a costa da Coruña.