Carril: "Hai 10.000 razóns para estar en Novo Mesoiro e para dotar o barrio de equipamentos"
A Coruña, 10 de marzo de 2015- O barrio de Novo Mesoiro vén de ser a última parada do BNG-Asembleas Abertas coa caravana de #TodasAsCoruñas para recoller as propostas da veciñanza de cara a incluílas no programa electoral. Hai 10.000 razóns para estarmos coa caravana de #TodasAsCoruñas en Novo Mesoiro, pois hai 10.000 persoas que precisan duns equipamentos e infraestruturas básicas para melloraren as súas condicións de vida, sinalou o número 1 do BNG-Asembleas Abertas e portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril.
Despois de percorrer todo o barrio acompañado de candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas e de membros da directiva da AVV de Novo Mesoiro, Carril salientou a necesidade dun colexio público integrado de educación infantil, de primaria e secundaria. Precisamente, o BNG vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para que se constrúa este CEIP integrado e a entidade veciñal emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas para que o centro de ensino integrado sexa unha realidade.
Ademais, Carril destacou a necesidade de que o centro de saúde de Novo Mesoiro conte con máis medios materiais e humanos para ofertar servizos de saúde de boa calidade. Neste sentido, a veciñanza propúxolle ao Bloque que se cubra o servizo médico tamén polas tardes, para non ter que desprazarse a Matogrande, como acontece agora.
Outras das necesidades ás que se referiu Carril foron a ampliación da escola infantil municipal A Caracola, con prazas insuficientes para este barrio, que conta coa poboación máis moza da Coruña, e a ampliación do centro cívico, de modo que se oferten máis actividades cun maior horario para a veciñanza de Novo Mesoiro. A día de hoxe, tal e como denunciaron os veciños e veciñas, o centro cívico non é quen de absorber minimamente a demanda de actividades que ten.
Manel Méndez advirte dos problemas de seguridade viaria e de mobilidade que padece a veciñanza de Novo Mesoiro
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños e Veciñas de Novo Mesoiro, Manel Méndez, que acompañou xunto outros membros da Directiva a candidatura do BNG-Asembleas Abertas polas rúas do barrio, advertiu dos problemas de seguridade viaria e de mobilidade que sofre a veciñanza. Somos o único barrio que carece de beirarrúas para ir ao centro da cidade, afirmou, e dependemos todos e todas do vehículo privado, pois non hai liñas de autobús que nos unan cos puntos estratéxicos da cidade. Referiuse, nomeadamente, á necesidade de unir Novo Mesoiro por autobús, a través dunha liña directa, á zona hospitalaria e á universitaria.
Tamén sinalou Manel Méndez as reivindicacións da AVV para soterrar os transformadores eléctricos e para mellorar a seguridade viaria no conxunto do barrio e, sobre todo, na zona dos parques infantís. Ademais, o presidente da entidade veciñal reclamou para Novo Mesoiro unha biblioteca municipal, pois a máis próxima ao barrio, a Miguel Garcés de titularidade pública- está a máis de 4km.
Pola outra banda, o BNG-Asembleas Abertas recolleu para o programa electoral perto dunha trintena de actuacións como a dotación de máis persoal de limpeza o barrio, o pintado de máis prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade, a mellora no alumeado público ou a colocación dun punto de aluguer de bicicletas, entre outras.