O BNG exixe coñecer como e cando se retirarán os lodos da ría do Burgo
A Coruña, 19 novembro de 2014- Diante da información do Ministerio de Medio Ambiente, que por enésima vez volve anunciar que prevé licitar en 2015 a limpeza dos fondos da ría do Burgo, o Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a dirixirse ao Goberno central para lle preguntar cal é a partida orzamentaria que recolle o investimento para acometer o saneamento, como se vai executar esa partida e cando se van levar a cabo estas actuacións.
As nacionalistas temen que o Partido Popular faga o de sempre, que anuncie unha consignación para a limpeza da ría que despois non se acometa. Advirten, ademais, de que con estes anuncios o Goberno central trata de facer que fai para non ser sancionado pola UE en 2015 dados os incumprimentos da normativa de augas. De aí que urxan o Sr. Negreira a explicar que volume de recursos económicos ten previsto investir o Ministerio de Medio Ambiente na limpeza da ría do Burgo, en que prazo de execución e quen vai acometer as actuacións.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG formulou na sesión plenaria do día de onte unha pregunta oral sobre os orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza en relación á Coruña. Na súa intervención, o Grupo Municipal do BNG criticou que, máis un ano, Estado e Xunta non dediquen nin un só euro a ría do Burgo, cuxa rexeneración faría da ría un sector económico capaz de crear emprego e riqueza. Na quenda do Goberno municipal, o Partido Popular nin sequera aludiu á ría do Burgo, demostrando, novamente, o deprezo ao colectivo de mariscadores e mariscadoras.