Por que o Goberno local non quere que se auditen as axudas ás entidades da "Operación Zeta"?
A Coruña, 18 novembro de 2014- Se está todo claro na Operación Zeta, o Grupo Municipal do BNG pregúntase cal é a razón pola que o Goberno do Sr. Negreira non quere que se auditen por parte do interventor todos os contratos, axudas e subvencións do Concello da Coruña coas empresas, entidades e asociacións implicadas nesta operación. A este respecto, as nacionalistas salientan que mentres na Deputación da Coruña o Partido Popular se amosou a favor da auditoría, apoiando unha moción presentada polo BNG, no Concello da Coruña o Partido Popular rexéitaa, de aí que tombara a moción das nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG non ten nada que ocultar, por iso levou a sede plenaria unha moción co fin de que se auditasen todos os contratos, axudas e subvencións do Concello da Coruña con empresas entidades e asociacións implicadas nesta trama. Malia ser o PP, e non o BNG, quen figura no propio sumario do Xulgado de Instrución número 6 da Coruña, o Sr. Negreira negouse a dar explicacións das implicacións do seu partido e da súa persoa ante a pregunta oral formulada polo Bloque.