Logo da ampliación do número de imputad@s na Zeta, o Sr. Negreira seguirá sen dar explicacións?
A Coruña, 19 novembro de 2014- Ante a providencia ditada na mañá de hoxe polo Xulgado número 6 da Coruña, na que se amplía o número de persoas imputadas na Operación Zeta a 23 persoas máis que se suman ás 7 previamente imputadas-, o Grupo Municipal do BNG pregúntase se o Sr. Negreira e o Partido Popular van seguir o sen dar explicacións polas implicacións da súa persoa e do seu partido neste asunto.
As nacionalistas lembran que no día de onte, e ante a pregunta oral formulada polo Bloque ao respecto, o Goberno do Sr. Negreira se negara a dar explicacións sobre a implicación do alcalde e do PP no sumario desta trama. Tamén sinala o BNG que o Goberno do Sr. Negreira impedira o debate da moción presentada polas nacionalistas na que solicitaban que o interventor municipal auditase todos os contratos, axudas e subvencións coas empresas, entidades e asociacións implicadas na Operación Zeta. Neste contexto, as nacionalistas pregúntanse se o alcalde e o PP van continuar coa mesma actitude, sen dar ningunha explicación ao respecto.