O BNG espera que o réxime de uso do edificio da Xefatura de Sanidade beneficie o Concello
A Coruña, 17 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG agarda que o réxime de uso do antigo edificio da Xefatura Territorial de Sanidade sexa tan beneficiosa para o Concello como foi para a Xunta de Galiza a transferencia da fábrica de tabacos. Lembra o Bloque que o Sr. Negreira agasallou a Xunta de Galiza co edificio emblemático da fábrica de tabacos por tempo indefinido e sen contraprestación ningunha para o Concello da Coruña.
Ademais, o BNG pon de manifesto que cando no mes de novembro lle preguntou ao Goberno municipal polas intencións e proxectos de futuro que ten a Xunta de Galiza respecto o edificio da Xefatura Territorial de Sanidade, o Goberno do Sr. Negreira ocultoulle os plans do Concello ao Bloque e limitiuse a responder, a 20.12.2013, que la titularidad de este edificio es de la administración autonómica.
O BNG non só preguntou no Concello da Coruña sobre os posíbeis usos deste edificio. Tamén presentou no Parlamento de Galiza unha pregunta escrita, a través da deputada Montse Prado, sobre os motivos do desmantelamento do edificio da Xefatura e sobre o destino previsto para o inmoble. Na resposta, de 16.12.2013, a Xunta de Galiza contestou que de momento, non hai unha decisión definitiva sobre o uso ao que se van destinar estas dependencias.