O BNG exixirá no Parlamento a adxudicación e comezo inmediato das obras do CEIP Emilia Pardo Bazán
A Coruña, 17 de xaneiro de 2014.- A instancias do Grupo Municipal do BNG e una vez se reinicie o período de sesións da Cámara galega, a Consellaría de Educación terá que explicar en sede parlamentar o porqué do atraso na adxudicación e no inicio das obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán. Así, o BNG exixirá no Parlamento de Galiza a adxudicación inmediata e o inicio destas obras, reclamadas durante anos pola comunidade educativa.
O Grupo Municipal do BNG expón que, nunha visita á Coruña en 2011, o conselleiro de Educación prometera o esforzo da Xunta de Galiza para comezar as obras no primeiro semestre dese ano. Ademais, unha vez foi publicado no Diario Oficial de Galiza, do 31 de maio de 2013, o anuncio de licitación das obras, a Xunta de Galiza e mais o alcalde da Coruña chegaron a sinalar que o inicio das actuacións para ampliar o centro tería lugar no mes de outubro. Oito meses despois da publicación da licitación no DOG, nada se sabe nin da adxudicación nin do comezo das obras.
O único que sabe o BNG sobre as obras do CEIP Emilia Pardo Bazán é que o Partido Popular rexeitou a emenda parcial presentada polo Bloque aos orzamentos galegos de 2014 para dotar esta obra de 800.000 euros. E é que as contas da Xunta para o presente ano só lle dedican 350.000 euros a esta obra licitada por 2.014.800,60 euros (cofinanciada polo FEDER nun 80%).
O Grupo Municipal do BNG critica o desinterese do Sr. Negreira por non exirlle á Xunta de Galiza a adxudicación e o inicio inmediato das obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán. O atraso que levan acumuladas as obras provocarán que, no escenario máis optimista, a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán non será unha realidade até o primeiro trimestre do 2015. E é que a resolución que anuncia a licitación contempla que as obras de ampliación do CEIP durarán 12 meses, o que significa que o alumnado non podería facer uso da ampliación no inicio do curso escolar 2014-2015.