O BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de difamar as persoas que viven nas chabolas da Pasaxe
A Coruña, 17 de xaneiro de 2014.- Sobre as declaracións do concelleiro de Servizos Sociais, que a edila do Bloque cualifica como difamacións cara ao colectivo de etnia xitana, María Xosé Bravo pon de manifesto que efectivamente, hai falta de vontade para erradicar o chabolismo, mais non é unha falta de vontade destas persoas, é unha falta de vontade política do Partido Popular. Salienta que todas e cada unha das persoas que viven nos poboados chabolistas da cidade queren saír de alí. Ademais, a concelleira do Bloque acusa o edil do PP de non crer as súas propias mentiras ao declarar que o único poboado chabolista que existe na cidade a día de hoxe é o da Pasaxe. Non coñece o concelleiro os poboados do Portiño e o das Rañas?, pregúntase María Xosé Bravo.
A edila do BNG reproba as actuacións do Goberno do Sr. Negreira en erradicación do chabolismo. Como mostra, advirte de que o Goberno do PP, nin no 2012 nin no 2013, gastou nin un céntimo da partida inicial de 200.000 euros destinada ao acceso á vivenda. Tamén cita o recorte no Programa Acceder de integración laboral, que no 2012 dispuña dunha partida de 95.000 euros e que no 2013 esa cantidade foi recortada a 32.500 euros a través dun modificativo de crédito. Precisamente, María Xosé Bravo salienta que as claves para a erradicación do chabolismo pasan por favorecer o acceso ao traballo e á vivenda. De aí que acuse o PP de camiñar na dirección equivocada.
O convenio entre o Concello e a Fundación Caixa Galicia é unha emenda á totalidade da política deste goberno do PP en materia de chabolismo
A concelleira do BNG María Xosé Bravo cualifica o convenio que asinarán o Concello e a Fundación Caixa Galicia como unha emenda á totalidade da política deste Goberno do PP en materia de erradicación do chabolismo, posto que lle retira os 330.000 euros á Fundación Secretariado Xitano para darllo á fundación da extinta caixa de aforros. Denuncia Bravo que a Fundación Caixa Galicia non ten coñecemento nin experiencia nesta problemática e témese que non sexa capaz de solventar as trabas que seguen a existir a día de hoxe en relación a este programa de erradicación do chabolismo, como o atraso no pago dos pisos.