O BNG esíxelle ao Sr. Negreira que se implique para evitar os despedimentos en Teleperformance
A Coruña, 14 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao alcalde da Coruña que se involucre na loita laboral dos traballadores e traballadoras de Teleperformance para evitar os despedimentos, provocados tras a decisión de Gas Natural Fenosa de deixar de prestar o servizo de atención ao cliente desde A Coruña. Precisamente, no momento anterior a comezar a concentración convocada para as 15h, unha mobilización á que asistiu a concelleira nacionalista María Xosé Bravo, as persoas afectadas recibiron cadansúa carta de despedimento.
María Xosé Bravo nega que sexan 43 as persoas despedidas, como sinala Teleperformance, e advirte de que, realmente, os despedidos chegarían a 70, xa que moitos dos contratos non van ser renovados, tal e como lles comunicou a empresa a algunhas empregadas. Ante esta situación, a concelleira do BNG considera que o Partido Popular ten capacidade para presionar, desde as distintas Administracións que goberna, a Gas Natural Fenosa, empresa que aínda por riba de explotar os nosos recursos naturais, vai levar o servizo de atención ao cliente fóra da Coruña.
En vez de pintar o ridículo pedíndolle á virxe polo emprego, o Sr. Negreira ten que reunirse, de inmediato, co Comité de Empresa
A edila nacionalista esíxelle ao Sr. Negreira que deixe de pintar o ridículo pedíndolle á virxe polo emprego e ínstao a se reunir, de inmediato, co Comité de Empresa. Malia ser coñecedor dos despedimentos desde a semana pasada, o Goberno municipal aínda non se cos representantes das traballadoras. Bravo advirte que o Concello da Coruña tamén ten poder de presión sobre Gas Natural Fenosa, ao contar con servizos contratados con esta empresa, mesmo dentro do proxecto Smart City.
María Xosé Bravo critica que o alcalde se limite a rezarlle á virxe e non mova un dedo por resolver os conflitos laborais abertos na Coruña, máxime cando o desemprego experimentou, no último mes, unha suba de máis de 70 persoas. Alude Bravo á delicada situación laboral que sofren as traballadoras de Atento, da fábrica de armas, de Darty ou de Caramelo.
A concelleira do BNG transmitiulle o apoio e a solidariedade da formación frontista ás traballadoras. As nacionalistas xa levaron ao Pleno ordinario de maio, que tivo lugar a semana pasada, un rogo co fin de que o Concello asumira como propias as reivindicacións das traballadoras. Ademais, o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas para que o Goberno do Sr. Feijóo medie con Gas Natural Fenosa para garantir o mantemento do emprego e os dereitos laborais das persoas e para que rectifique a súa decisión de eliminar a atención ao cliente que se realiza desde Galiza.