O Goberno segue a manterlle o xardín á igrexa dos Rosales, mentres se lle impide o paso á veciñanza
A Coruña, 14 de maio de 2013.- De novo, o Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita na que deu conta do mantemento e limpeza, por conta do Concello, dos terreos pegados á igrexa dos Rosales, que son propiedade do Arcebispado de Santiago de Compostela. Malia que é o servizo municipal de xardíns quen mantén, cos cartos do pobo, estes terreos adxacentes á igrexa, a parroquia segue a impedirlles aos veciños e veciñas o aparcamento neste espazo.
É un feito denunciado polos propios habitantes dos Rosales que o mantemento dos xardíns corre por parte do Concello. De feito, veciños e veciñas do barrio puxéronse en contacto con BNG en máis dunha ocasión para llo transmitir. Porén, o Goberno municipal négao. Así, na resposta ás preguntas escritas, sinala que "este espacio no está contemplado en el mantenimiento previsto... Tampoco, por parte de este Gobierno Municipal se han dado instrucciones a la empresa titular de este servicio".
Ademais, na resposta ás preguntas, o Goberno do Sr. Negreira di que "no consta la existencia de datos sobre si existe un convenio con el Arzobispado sobre cualquier cuestión que condicione la utilización del espacio adyacente al edificio religioso".
O Goberno municipal defende que a parroquia instale un bolardo para impedir o aparcadoiro da veciñanza
As nacionalistas interesábanse na pregunta escrita por se a parroquia tiña permiso a parroquia para limitar o acceso libre de vehículos á zona de aparcadoiro destes terreos. Na resposta, o Goberno municipal vén darlle a razón á Igrexa cando afirma que "la colocación de un elemento obstaculizador para delimitar la zona de acceso a la parcela privada, como pueden ser la colocación de bolardos, no es un acto de trascendencia urbanística y, por lo tanto, no está sujeto a la obtención de licencia municipal ni a la presentación de comunicación previa".
As nacionalistas xa presentaran hai un ano, o pasado 16 de maio de 2012, unha serie de preguntas nas que daba conta desta situación que provoca o malestar das persoas que viven nos Rosales. En resposta ás preguntas, o Goberno municipal aseguraba que a quen lle correspondía o mantemento dos terreos era ao Arcebispado.
Dado que a situación se repite, a concelleira do BNG Avia Veira esíxelle ao Goberno municipal que garanta que o servizo municipal de xardíns deixe de manterlle os terreos propiedade da Igrexa.