Gran parte das obras do edificio de San Roque de fóra poden legalizarse ao abeiro do novo PXOM
A Coruña, 15 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que, polo ben das persoas propietarias, a promotora do edificio de San Roque debe presentar un proxecto de legalización xa que gran parte das obras pode legalizarse conforme ao estabelecido no plan xeral actual, pendente de publicación no seu contido normativo. Nestes momentos, todo o edificio carece de licenza de obras. A principal responsábel desta situación é a promotora (a que, malia as advertencias do Concello, non chegou a presentar no seu día proxecto de legalización e nin siquera pagou a multa coercitiva que lle impuxo o Concello), que non debe demorarse polo ben de todas as persoas na presentación do proxecto de legalización.
O novo PXOM, sinalan as nacionalistas, ampara os vós do edificio ao patio de mazá, sempre que se respecten as dimensións mínimas (art. 6.4.7; vós a patio de mazá que antes, PXOM do 1985 e PXOM de 1998, non estaban permitidos) e tamén a ventilación do garaxe (desde o patio), que estaba prohibida no PXOM de 1998 (art. 6.5.11; "A los patios no podrán ventilar garajes......"). O novo plan xeral suprime esta consideración e remite a ventilación dos garaxes ao cumprimento da normativa sectorial (Código Técnico de Edificación), polo que, ao igual que no caso dos vós, tamén sería legalizábel. En consecuencia, de acordo o novo PXOM, poderían legalizarse tanto os vós a patio de mazá e a ventilación do garaxe.
Así, o Grupo Municipal do BNG salienta que é posíbel legalizar boa parte do edificio en base ao planeamento vixente. Deste xeito, a promotora debe presentar licenza de legalización e debe deixarse de dilatar pasivamente o proceso, xa que esta dilatación só perxudica as persoas que habitan no edificio.