O BNG esíxelle ao Goberno municipal que evite o feche da biblioteca da A VV de Monte Alto
A Coruña, 15 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que impida o feche da biblioteca da A VV das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. A entidade veciñal vese na obriga de botarlle o peche á biblioteca despois de que este ano o Goberno municipal decidira suprimirlle o convenio de 11.380 euros que mantiña esta asociación co Concello desde o 1984.
A concelleira nacionalista Avia Veira acusa o Sr. Negreira de eliminar este convenio nominativo como "castigo" a esta asociación por ser contestataria e vincula a decisión sectaria á rotunda oposición da entidade veciñal á mamotretada de Durmideiras.
"Os motivos son puramente ideolóxicos e políticos", sinala Veira, quen lembra que a concelleira de Cultura se compretera coa asociación a manter o convenio no futuro. Nesta liña, denuncia que "mentres á asociación de veciños das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules o PP lle suprime o convenio, á asociación de veciños e comerciantes de Monte Alto, que ten tan só 6 meses de vida, deulle xa 8.000 euros en axudas".
A concelleira do BNG pídelle ao Goberno municipal que rectifique dados os prexuízos que lles vai causar ao medio cento de persoas que cada día empregaban á biblioteca. Ademais, advirte de que o feche conlevará o despedimento da persoa que atendía o equipamento. "Fraco favor lle fai o Goberno municipal ao emprego con decisións como esta", critica.