Avia Veira: "Que emigren Negreira e as súas amizades"
A Coruña, 16 de xaneiro de 2012.- A concelleira nacionalista Avia Veira participou, xunto con outros membros do BNG e de Galiza Nova, no acto central da xornada de loita nacional convocada poola CIG para denunciar o desemprego e a emigración que sofre a mocidade, unha concentración que tivo lugar ás 12h nos edificios administrativos de Monelos. "Todas as reformas e medidas postas en marcha polo PP tanto na Coruña, como en Galiza, como no Estado supoñen un ataque frontal contra os dereitos dos mozos e das mozas", sinalou a edila do BNG.
Veira salientou que o resultado da nefasta política do PP está á vista: "o señor que ía acabar co paro en 45 días, Feijóo, conseguiu que unha de cada dúas persoas menores de 25 anos estea no paro". "Malia ser a xeración máis formada da historia de Galiza, é imposíbel que os mozos e mozas atopen traballo; de feito, moitos e moitas vense na obriga de emigrar", apuntou. Lembrou a nacionalista o agasallo de Feijóo o estudantado con mellores expedientes académicos, ao que lle deu unha maleta, "traizooulle o subconsciente".
"Os mozos e mozas non queremos ir de aventuras, queremos traballar no noso país"
A concelleira do BNG puxo de manifesto que, en base aos datos da CIG, dos 166.800 postos de traballo destruídos en Galiza desde que Feijóo é presidente, 149.100 eran menores de 35 anos e destes, 77.164 emigraron. Só no 2012, cada día emigraron 70 mozos e mozas, denunciou.
"As persoas novas non queren nin ir de vacacións nin en busca de aventura", sinalou Veira, "emigran por necesidade, porque o PP lles furtou o dereito a traballar na súa terra". "Que emigren o señor Negreira e os seus amigos, porque os mozos e mozas non queremos ir de aventuras, queremos traballar no noso país", advertiu. "De termos capacidade de decidir sobre os nosos recursos, en clave de soberanía, e de apostarmos polos nosos sectores produtivos, a mocidade non se vería na obriga de sufrir o drama da emigración", engadiu.
Tamén aludiu Veira á situación social na que se atopan os mozos e mozas desempregadas, "non teñen asistencia sanitaria, dependen da cobertura dos seus pais e nais, ou teñen que solicitar a tarxeta para persoas sen recursos". "E, en canto ao ensino, moitos e moitas non poden seguir estudando porque as taxas cada vez son máis altas e as bolsas de estudo sofren fortes recortes", salientou.
A concelleira nacionalista criticou a escasa importancia que lle dá o Goberno municipal á mocidade, "a política xuvenil practicamente non existe desde que o PP asumiu o Goberno". "Nin transversalidade, nin actuacións específicas para fomentar emprego entre os mozos", lamentou Veira, "até eliminaron as axudas a antenas xuvenís", concluíu.