Jorquera intervén nun acto en defensa dun ferrocarril galego, público, social e con futuro
A Coruña, 6 de xuño de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, participa mañá, venres, nun acto aberto a toda a cidadanía en defensa dun ferrocarril galego, público, social e con futuro. Trátase dunha conferencia organizada pola A VV Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules na que tamén participan dous representantes do Sector Ferroviario da CGT, Alberto Díaz e Ángel Valladares, e que terá lugar a partir das 20h na biblioteca veciñal do Campo de Marte.
O BNG presentou esta mañá en Compostela a campaña nacional Que non nos rouben o tren, destinada a defender este medio de transporte público ante os recortes na oferta de Renfe e de ADIF nos servizos ferroviarios de media distancia que deixarán a nosa comarca incomunicada. E é que a política ferroviaria do PP vai provocar unha profunda desestruturación do territorio galego, cunha lóxica centralista e madrileña por parte do Ministerio de Fomento e de Renfe.
O BNG reivindicou historicamente unha política ferroviaria propia para Galiza, ao entender que o tren un transporte esencial, sustentábel e que debería ser o máis económico, ademais de contribuír a articular o territorio. As nacionalistas foron pioneiras desde hai 20 anos na defensa do servizo de ferrocarril en Galiza, con centos de iniciativas trasladadas ás diversas institucións. Precisamente, o vindeiro martes, 11 de xuño, o Congreso e o Parlamento galego debaterán dúas iniciativas do BNG para que o Goberno do Estado dea marcha atrás neste plan de recortes ferroviarios e para que dialogue cos sectores afectados, organizacións políticas e Xunta de Galiza para iniciar o traspaso de competencias en material de ferrocarril.