O BNG denuncia recortes de persoal en programas de Servizos Sociais
A Coruña, 28 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia o recorte de persoal municipal en diferentes programas da Concellaría de Servizos Sociais, tal e como reflicte a memoria de xestión deste departamento de 2013. Os recortes de persoal danse no Servizo de Información, Valoración e Orientación, que pasa de 40 a 31 traballadores e traballadoras; no programa de información orientación e asesoramento en materia de servizos domiciliarios, dependencia, promoción da autonomía e discapacidade; que pasa de 25 a 18 traballadores e traballadoras; no programa de atencións domiciliarias complementarias, que pasa de contar con 25 traballadores e traballadoras a contar con 14; no programa de traballo con familias, cuxo número de persoal cae de 26 a 21 e Servizo de atención ás mulleres (Centro de información ás mulleres-CIM), que pasa de ter 9 a ter 8 traballadoras.
Tamén se dan recortes de persoal nas áreas do Servizo municipal de acollida para mulleres vítimas de violencias de xénero ou en situación de vulnerabilidade por razón de xénero; no Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS), que pasa de ter 2 traballador a ter só 1; no programa de atención a persoas con discapacidade, que contaba con 9 traballadoras e traballadores e que no 2013 pasou a 7, e no departamento de xestión administrativa e orzamentaria, que contaba con 16 traballadores en 2012 e que no 2013 pasou a contar con 13.
A concelleira do Bloque María Xosé Bravo advirte das consecuencias negativas deste recorte. Amais da perdas de emprego público de calidade, estes recortes provocan que os servizos sociais non poidan prestarse coa calidade requirida. Precisamente, hai escasos días, a ONG Arquitectos sen Fronteiras denunciaban que a falta de persoal nalgúns centros cívicos e servizos estaban a ocasionar atrasos inxustificados na percepción de axudas sociais como a Risga.