O BNG volve criticar a dilapidación e soterramento de cartos públicos no Parrote
A Coruña, 27 de xuño de 2014- Ante a inauguración, no día de hoxe, do aparcadoiro subterráneo e da explanada do Parrote, o Grupo Municipal do BNG volve poñer de manifesto a dilapidación e soterramento dunha millonada de cartos públicos pagados polo Concello da Coruña e pola Xunta de Galiza, máis de 17 millóns con IVE, nunha obra carente de interese xeral que se está a desenvolver nun contexto económico e social nefasto.
O BNG lembra ao respecto que as obras do túnel do Parrote teñen como finalidade pagarlle parte da estrutura do aparcadoiro a Copasa, pois o viario soterrado que se está a construír inclúe parte do aparcadoiro, xa que discorrerá por debaixo del. Tamén advirte o BNG que os terreos en que se executan as obras non son municipais nin da Xunta de Galiza, senón que pertencen á Autoridade Portuaria, que non puxo nin un céntimo.
O Grupo Municipal do BNG volve criticar o enorme impacto visual que teñen sobre o castelo de Santo Antón e sobre a baía da Coruña o edificio comercial da explanada do Parrote, o ascensor e mais o mamotretiño da saída de gases denunciado polo BNG. As nacionalistas insisten en salientar que esta obra racha, por completo, coa harmonía da paisaxe que había antes das actuacións. Ademais, o Bloque lembra a desfeita dunha porción importante do baluarte, que ficou ocultado e sepultado baixo os escombros do aparcadoiro soterrado.