A xustiza confirma que a decisión de denegar as licenzas en Santo Amaro era correcta
A Coruña, 15 de novembro de 2013.- A Xunta de Goberno Local tomou na mañá de hoxe coñecemento da sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 da Coruña no recurso contencioso administrativo número 179/2011, contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 25 de febreiro de 2011 que denega a licenza de obras no polígono H2.01 da Agra de Santo Amaro. O Grupo Municipal do BNG salienta que malia ser susceptíbel de recurso, polo que hai que ser prudentes, a setenza vén confirmar que a decisión do Goberno anterior, do que formaba parte a formación nacionalista, de denegar a licenza para a construción dun edificio de 20 vivendas na Agra de Santo Amaro (Parcela E do APEH2.01) era correcta, pondo de manifesto que o estipulado no artigo 104 da LOUG prevalece sobre o planeamento vixente naquel momento, que era o PXOM de 1998 e os Estudos de Detalle de 2001 e 2002.
A Xunta de Goberno Local do 25 de febreiro de 2011 acordara denegar a licenza coa finalidade de protexer o ámbito da Torre e esta sentenza confirma a legalidade desa decisión. Até tal punto que a propia sentenza afirma en la zona Core y Buffer se observe lo establecido en el artículo 104 de la LOUG impidiendo nuevas edificaciones y reordenando las dotaciones deportivas existentes hacia la eliminación de volúmenes y otros elementos construídos, tales como muros de cierre que limitan el campo visual de la percepción de la totalidad de la zona Core en la aproximación de la Torre. E mesmo a propia sentenza chega a dicir que a postura do Concello non podía ser outra a la vista de la situación de la Torre de Hércules y su declaración como bien Patrimonio de la Humanidad y de la parcela litigiosa en la zona buffer del ámbito de protección.
A sentenza advirte da imposibilidade de novas construcións na contorna da Torre e ratifica o criterio do BNG sobre a ilegalidade do novo PXOM de 2013
Pero o máis importante é que o fundamento xurídico da sentenza confirma o apuntado con reiteración polo BNG respecto da imposibilidade de novas construcións na contorna da Torre e que ratifica o criterio do BNG sobre a ilegalidade do novo PXOM de 2013 na ordenación da Agra de Santo Amaro, dado que o PXOM prevé a construción de novas edificacións na citada zona. O informe de Patrimonio de 15 de marzo de 2010, mencionado na sentenza e que fundamenta o seu fallo de denegación das licenzas, determinaba que "Como consecuencia da singular categoría acadada pola Torre de Hércules logo da súa declaración como Patrimonio da Humanidade, e co fin de dar cumprimento ao esixido pola antedita recomendación da UNESCO cómpre requirir que na ordenación que agora se propoña para os ámbitos Core e Buffer se observe o estabelecido no artigo 104.2 da LOUG, impedindo novas edificacións...".
E o art. 104.2 da LOUGA, de protección visual, é unha norma de aplicación directa, que prevalece sobre o planeamento, sexa o PXOM de 1998, sexa o PXOM do 2013.