O BNG denuncia que o Goberno municipal permite a antena de telefonía de Nicomedes Pastor Díaz
A Coruña, 19 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica que en Xunta de Goberno Local de hoxe o PP lle conceda á empresa Telefónica Móviles España SA licenza de instalación para a actividade de estación de base de telefonía móbil e para a realización de obras na rúa Nicomedes Pastor Díaz. E isto malia a oposición no seu día do colectivo de residentes nos edificios número 15, 16 e 17 da citada rúa, do colectivo de residentes nas rúas Ramón y Cajal, Avenida do Exercito, Avenida de Oza, Parque Europa e Rúa Pose, e da Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros, quen consideraban que as antenas a instalar "quedarían prácticamente á mesma altura que as ventás dos edificios que as rodean e a 16 metros e na mesma rasante da altura dos edificios fronte a Rúa Nicomedes Pastor Díaz números 16 e 18".
Os nacionalistas reiteran que se deberían suspender as concesións de licenzas mentres non se modifique a ordenanza municipal
Os nacionalistas reiteran de novo que, alén de clausurar as antenas ilegais, non amparadas por licenza, o Goberno local debería suspender a tramitación e o outorgamento de novas licenzas até a modificación da ordenanza municipal (en base á sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2012, pola que se anulan varios artigos da ordenanza municipal da Coruña) e revisar e actualizar os plans de implantación das operadoras xa aprobados. Por este motivo, consideran que o Goberno Municipal non debería ter aprobado hoxe a concesión desta licenza á empresa Telefónica Móviles España SA na rúa Nicomedes Pastor Díaz.
Ademais, lembran que a Sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2012, en modo algún supón un cambio de criterio do Tribunal Supremo a respecto da competencia do Concello da Coruña para estabelecer tales distancias de seguridade. Non supón ningún cambio nesta xurisprudencia, precisamente porque esta Sentenza do Tribunal Supremo NON se pronuncia sobre os artigos da ordenanza referidos ao réxime de distancia. E non se pronuncia porque estes artigos, que foran anulados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en sentenzas que o Concello da Coruña non recorreu, non foron obxecto de recurso de casación pola empresa de telefonía móbil, de modo que o que fai o Tribunal Supremo na súa sentenza só é confirmar a anulación de ditos artigos, precisamente porque non foron obxecto de recurso, e declarar, por conseguinte, a firmeza da súa anulación. Noutras palabras, non di que sexan ilegais.
Malia o que sosteña o Goberno Municipal, nin o Tribunal Supremo nin o Tribunal Constitucional impiden que os concellos protexan estas zonas sensíbeis, estabelecendo zonas distancias de seguridade
Nin o Tribunal Supremo nin o Tribunal Constitucional impiden que os Concellos poidan estabelecer distancias de seguridade, en base a criterios urbanísticos, de modo que a nova ordenanza municipal da Coruña debe contemplar distancias de seguridade a zonas sensíbeis como colexios, hospitais e espazos públicos
No expediente administrativo do acordo de concesión da licenza de instalación para a actividade de estación de base de telefonía móbil e para a realización de obras na rúa Nicomedes Pastor Díaz, considérase que a xurisprudencia ten cambiado nesta materia, cando non é certo. A xurisprudencia dos tribunais confirmando a competencia dos concellos para estabelecer distancias de seguridade NON CAMBIOU, razón pola que o Grupo municipal do BNG considera que o Concello da Coruña ten competencias para marcar distancias de seguridade das antenas ás zonas sensíbeis (colexios, hospitais, zonas verdes públicas) e debe seguir mantendo a obrigatoriedade de que as operadoras compartan soportes e de que as estacións de telefonía móbil cumpran co plan de implantación das operadoras.
Non hai cambio da doutrina do Tribunal Supremo sobre a competencia municipal para estabelecer distancias de seguridade a zonas sensíbeis. Os concellos non teñen competencia para fixar requirimentos ou condicións técnicas, mais si para o réxime de distancias, sempre e cando se fundamenten criterios urbanísticos ou de protección ambiental. O Tribunal Supremo reitérase afirmando que se axusta a Dereito o estabelecemento nas ordenanzas municipais dun réxime de distancias de seguridade a zonas sensíbeis tales como colexios, hospitais, xardíns e outros espazos públicos. Unha das últimas Sentenzas máis recentes do Tribunal Supremo ditadas sobre o caso é de 26 de abril de 2012, que confirma a anulación dun Plan de ordenación de telefonía do Consell Insular de Menorca (que non é un concello, dato importantísimo), precisamente, entre outras cousas, porque son os concellos e non as comunidades autonómas as que teñen determinadas competencias na materia. E así o evidencia declarando o seguinte:
«QUINTO.- No obstante lo anterior, hemos de dejar constancia de dos recientes pronunciamientos jurisprudenciales que confirman la línea jurisprudencial contenida en las SSTS de 22 de marzo , 12 de abril de 2011 y 14 de julio de 2011 , de precedente cita.1º. En la reciente STS de esta Sala y Sección de 16 de noviembre de 2011, RC 3833/2007, en que se cuestionaba la legalidad de la Ordenanza del Ayuntamiento de Avilés reguladora de las condiciones urbanísticas para la instalación y mantenimiento de equipos de telecomunicación, hemos declarado en el FD Sexto que "(...) las Administraciones locales no tienen competencia para predeterminar las condiciones técnicas de la red en condiciones incompatibles con el marco establecido en la normativa estatal (constituida por el Real Decreto 1066/2001 y normas concordantes )," a lo que añadimos en el FD Octavo, referido a las competencias municipales, que "(...) las limitaciones impuestas por la Ordenanza a la ubicación e instalación de la red únicamente tienen encaje legítimo dentro del ámbito competencial local en la medida que se ciñan a los aspectos urbanísticos en que la propia Ordenanza dice ubicarse, y no irrumpan en aspectos técnicos incompatibles o contradictorios con la regulación estatal "».
A famosa Sentenza do Tribunal Constitucional de 18 de xaneiro de 2012 non afecta para nada ao sinalado en materia de competencias dos concellos. E ademais, recoñece as competencias autonómicas en materia de telecomunicacións precisamente en relación coas súas competencias urbanísticas. Esta Sentenza do Tribunal Constitucional só declara nulo un precepto dunha norma autonómica concreta aprobada por Castilla-La Mancha, confirmando as competencias das Comunidades Autónomas, sen entrar a valorar nada en relación coas competencias dos Concellos nin provocar ningún cambio en relación coa xurisprudencia do Tribunal Supremo ditada ao respecto. E así o confirma a Sentenza do Tribunal Supremo de 26 de abril de 2012, que cita expresamente a Sentenza do Tribunal Constitucional de 18 de xaneiro, evidenciando que non hai tal cambio de criterio na doutrina do Tribunal Supremo por causa desta sentenza do Tribunal Constitucional.
O Tribunal Supremo si ten anulado apartados de Ordenanzas municipales que establecían un réxime de distancias que determinaban unha prohibición absoluta de implantación en determinadas clases de solo ou cando estas distancias non se amparaban en criterios de ordenación territorial-urbanística ou de protección medio-ambiental. Pero o Tribunal Supremo NON ten ditado ningunha sentenza que teña dito que os Concellos carezan de competencias para establecer un réxime de distancias, especialmemente a zonas sensibeis. Dito doutro modo, para o Supremo, restrición absoluta, non; restrición limitada e xustificada, si. E todo isto precisamente porque a competencia municipal en materia de telecomunicacións, condicionada e limitada, non exclúe a potestade municipal para establecer condicións de implantación/localización (distancias) e uso (compartido) en exercicio das súas competencias, especialmente as urbanísticas, de ordenación do territorio e de protección medio-ambiental.