O BNG denuncia que Galiza está á cola en axudas á dependencia
A Coruña, 27 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o propio Goberno central admite na última Información Estatística do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (situación a 31 de xullo de 2014) que Galiza se atopa á cola en axudas por dependencia e que encabeza o ranking do que se denomina limbo da dependencia, é dicir, á espera de cobrar a axuda. Así, fronte ao tantas veces declarado polo Goberno do Sr. Negreira si existe limbo da dependencia e en Galiza o 31,62% das persoas ás que se lles recoñeceu un grao de dependencia polo que terían dereito á prestación atópanse pendentes de que se lles recoñeza a prestación concreta que lle corresponde.
Segundo esta información do Goberno central, a media estatal de prestación recoñecida atópase no 80,18%, cando Galiza está no 68,38%. Ademais, a media estatal en limbo da dependencia sitúase no 19,82% cando en Galiza a media está no 31,62%.
O BNG presentou hoxe unha proposición non de lei no Parlamento galego contra o recorte das prestacións e para axilizar a tramitación das axudas
Diante desta información, a parlamentar do BNG Carme Adán presentou hoxe no Parlamento de Galiza unha proposición non de lei na que pide habilitar as partidas orzamentarias necesarias para restituír integramente as prestacións ás persoas usuarias a dependencia que o Goberno central vén de recortar. Piden as nacionalistas que de ser necesario o Goberno estudará a posibilidade de facer fronte a estes pagos a través do Fondo de Continxencia.
En relación ao limbo da dependencia, o BNG solicita resolver no prazo de dous meses os expedientes de todas as persoas que teñen recoñecido o dereito subxectivo mais que non gozan de ningunha prestación.
A deputada nacionalistas pide, ademais, enviar un informe detallado ao Parlamento sobre a aplicación da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia na que se recollan os datos actualizados sobre o número de persoas que reciben unha prestación, o copagamento que teñen que asumir e o número exacto de persoas que están no limbo da dependencia.