O BNG denuncia o escándalo das hortas, que custarán 57 veces máis que as de Feáns
A Coruña, 24 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG levará a Pleno o despropósito das hortas urbanas impulsadas polo Goberno do Sr. Negreira e farao a través dunha pregunta oral. Así, os nacionalistas queren saber a que se debe que o proxecto de hortas de Novo Mesoiro lles salga á cidadanía por 172.000 euros cando unha recente iniciativa cidadá, a só medio km., en Feáns, custou 3.000 euros, é dicir, 57 veces menos. O BNG considera un escándalo que o Goberno municipal privatice as hortas e dilapide cartos do erario público cando o valor real deste proxecto é moito menor.
Ademais, os nacionalistas critican que o Goberno municipal desvirtuara unha iniciativa que xurdiu de diferentes grupos de cidadáns e cidadás para a autoxestión. Non entende o BNG como no canto de apoiar estes movementos sociais, como é o da Agra do Orzán, o Goberno do Sr. Negreira se dedicara a poñerlles impedimentos para desenvolveren as súas propias hortas urbanas.
Un proxecto mercantilista e restrinxido ás persoas maiores de 65 anos
O Grupo Municipal do BNG denuncia o prezo desproporcionado co que o Goberno do Sr. Negreira gravará o cultivo nas hortas: 50 euros por cota de inscrición e 25 euros ao mes, cando o proxecto de Feáns ten un prezo simbólico de 20 euros anuais e as hortas municipais de Santiago de Compostela son, completamente, de balde. O Sr. Negreira dedícase a facer un negocio e un proxecto mercantilista dunha iniciativa que naceu, a instancias dos veciños e veciñas, para o autoconsumo, contra a especulación urbanística e para a relación entre a cidadanía.
Lonxe de promover os lazos entre cidadás e cidadáns da Coruña de distintas xeracións, o Sr. Negreira limita estas hortas municipais, que serán xestionadas por unha empresa privada, ás persoas maiores de 65 anos e xubiladas, impedíndolles o cultivo ás persoas menores de 65 anos e ás persoas desempregadas.
Un proxecto con irregularidades
Por último, o Grupo Municipal do BNG destapa as irregularidades do proxecto técnico. E é que no proxecto, tal e como pode comprobarse nos pregos, figuran unhas normas de uso e mesmo uns requirimentos dos usuarios e usuarias para teren dereito ao cultivo das hortas urbanas. Trátase dunha práctica inaudita e irregular. Un proxecto técnico, advirte o BNG, non pode regular o que debe ser obxecto dunha ordenanza municipal.
Ademais, os nacionalistas poñen de manifesto que o procedemento de contratación é o negociado sen publicidade, práctica que denunciara até o infinito o PP cando estaba na oposición e que mesmo levara á Fiscalía sen éxito ningún.