O BNG denuncia que unha empresa privada de Madrid asesorará o Concello para optimizar gastos
A Coruña, 9 de agosto de 2013.- A Xunta de Goberno Local aprobou na mañá de hoxe o acordo de adhesión ao servizo integral de asesoramento para a optimización do gasto das entidades locais asociadas á FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias). O Grupo Municipal do BNG explica que en virtude desta adhesión o Concello da Coruña contará cun servizo de asesoramento para a optimización do gasto adxudicado pola FEMP a unha unión temporal de empresas (UTE), a UTE CONSULTORES-FULLSTEP. Isto significa, explican as nacionalistas, que unha empresa privada asesorará, desde Madrid, o Goberno municipal para a optimización do gasto público e a redución de custos. As nacionalistas expoñen que ao adherirse a este servizo, o Goberno Sr. Negreira evidencia que non está a ser todo o eficiente que pregoa.
Entre as funcións deste servizo están a ánalise económica financeira preliminar de custos, a definición dunha estratexia plurianual de aforro ou a colaboración nos procesos de licitación, todas elas funcións que deben ser desenvolvidas polo Goberno municipal e polas empregadas municipais. Alén disto, a empresa privada terá que elaborar un plan de optimización do gasto e control de custos que permitiría levar o Concello a cumprir os indicadores económicos que estabelece a norma en materia económico-financeira. Para o BNG, este servizo supón unha externalización de función continuada no tempo de áreas propias dun Concello, tales como a de contratación.
A trampa: a UTE recibirá a cambio dos servizos prestados unha cantidade equivalente a un 12% do importe do gasto reducido
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a trampa deste servizo ao que se adheriu o Concello radica en que a UTE recibirá a cambio dos servizos prestados unha cantidade equivalente a un 12% do importe do gasto reducido. É dicir, unha empresa privada fará negocio cos cartos da cidadanía por desenvolver funcións que son obriga tanto do Goberno municipal como do funcionariado.
As nacionalistas advirten de que este convenio é unha nova mostra da ideoloxía neoliberal do Partido Popular pon por riba do interese xeral do pobo o beneficio económico dunha empresa privada que, como tal, mide todo baixo o criterio da rendibilidade económica e nunca baixo criterios sociais. Así, alertan do perigo de que sexa unha empresa privada quen lle diga ao Goberno municipal onde ten que aforrar.