O BNG lembra que as murallas do Parrote ficaron sepultadas baixo o lixo das obras de Copasa
A Coruña, 9 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG espera que sexa posíbel a posta en valor das murallas do Parrote despois de que no mes de maio boa parte do baluarte ficara sepultada baixo os escombros e o lixo procedente das obras do aparcadoiro de Copasa. As nacionalistas expresan o seu desexo que as montañas de refugallos que sepultaron o baluarte non destruíran nin puxeran en risco de deterioro as murallas. Advirten de que só unha parte moi reducida estaba a ser protexida, aquela situada en superficie e baixo unha malla branca.
O Grupo Municipal do BNG xa denunciara en maio este desleixo da Autoridade Portuaria e do Concello da Coruña á hora de respetar o patrimonio. O lixo sobre o baluarte evidenciou que ao Partido Popular non lle importa o máis mínimo a protección do patrimonio. E isto a pesar de que o proxectado no Parrote quedaba condicionado á posta en valor das estruturas defensivas. De feito, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sinalou que había que manter e protexer o baluarte e o seu perímetro de protección e que durante as obras había que dotar das medidas necesarias para a súa protección, cousa que non garantiu o Goberno municipal.