O BNG cualifica de escándalo o contrato do servizo de limpeza de sumidoiros

O BNG cualifica de escándalo o contrato do servizo de limpeza de sumidoiros

A Coruña, 27 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG cualifica de escándalo o prego de contratación do servizo de limpeza das redes de saneamento públicas e das acometidas e/ou elementos complementarios de natureza privada e limpeza industriais xestionadas por Emalcsa, que aumenta un 50% o prezo á hora do servizo anual e diminúe as horas anuais do servizo, o que motiva un negocio suculento para a empresa adxudicataria.

O contrato que vén de sacar Emalcsa por dous anos de duración e prorrogábel a outros dous, anualmente, por procedemento restrinxido, ten un valor estimado de licitación de 3.840.000 euros (IVE excluído) fronte aos 2.820.400 euros (IVE excluído) do proceso de licitación de 2010, o que representa un aumento do 36,15% polo mesmo obxecto do contrato.

As nacionalistas denuncian que o prezo á hora do servizo na nova licitación acrecenta cáseque un 50% respecto do prezo do servizo na licitación de 2010, así pasa de custar 64,10 euros á hora a custar 96 euros. E ao tempo que se duplica o prezo á hora, o tempo estimado anualmente do servizo será menor, pasando de 11.000 horas anuais en 2010 (no prego de 2010, garantizábase un mínimo de 9.278 horas por limpeza de redes de saneamento públicas, se ben podería superarse en conxunto as 12000 horas anuais se se computaba o resto de limpezas descritas no prego) a 10.000 horas anuais co prego que está en proceso de licitación (o prego que se acaba de licitar contempla unha desviación das horas do 10% en calquera sentido e non fai ningún desglose).

Estas cifras evidencian que se trata dun negocio suculento para a empresa que resulte adxudicataria pois se rebaixan as horas anuais da contrata e sóbeselle sustancialmente o importe, e todo isto en detrimento do conxunto do pobo, ao que todos os días o Partido Popular lle transmite que ten que traballar máis e vivir con menos, ademais de recortarlle servizos públicos básicos.

As nacionalistas denuncian que o procedemento empregado por EMALCSA á hora de sacar este contrato millonario é restrinxido, de xeito que só poderán presentar proposicións as empresas previamente seleccionadas e terán que ser, como mínimo, cinco. A actual adxudicataria deste servizo de limpeza de sumidoiros é Valoriza Agua, S.L., á que se lle adxudicou o contrato o 26 de abril de 2010 (BOE de 29 de maio de 2010) por 2.750.000 euros sen IVE.

 

 

O BNG cualifica de escándalo o contrato do servizo de limpeza de sumidoiros