O BNG critica a elección d@ nov@ secretari@ do Concello mediante a libre designación
A Coruña, 16 de setembro de 2014- Coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galiza (DOG) da Resolución do 18 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario xeral do Concello da Coruña, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional, o Grupo Municipal do BNG reitera a súa crítica á elección da persoa que ocupe a Secretaría Xeral do Concello mediante ese sistema de libre designación xa que a libre designación non garante a independencia nin a liberdade da persoa que ocupa o posto. O BNG lembra ao respecto a Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público que, no seu artigo 8, recolle que os titulares dos postos de traballo provistos polo procedemento de libre designación con convocatoria pública poderán ser cesados discrecionalmente.
Así, dado que pode ser cesado ou cesada, a ameaza que pesa sobre o cargo pode provocar unha perda de neutralidade e de autonomía á hora de acometer o seu labor, como por exemplo á hora de redactar informes á carta en lugar de redactar informes independentes, obxectivos e neutrais, gusten ou non gusten a quen goberne. É por iso que o Grupo Municipal do BNG insiste en que o posto da Secretaría Xeral é clave na administración local e en que ten que ser necesariamente independente no exercicio do seu cargo.
Unha vez o Goberno do Sr. Negreira aprobou na Xunta de Goberno Local de 8 de agosto de 2014, as nacionalistas comezaron a exixir que a praza da nova secretaria ou secretario do Concello fose dotada mediante o correspondente concurso de provisión e non a través do procedemento da libre designación. O artigo 92.bis.6 da Lei de Bases de Réxime Local (Lei 27/2013), salientan as nacionalistas, indica que en todo caso, o concurso será o sistema normal de provisión de postos de traballo e engade que só excepcionalmente eses postos de traballo poderán cubrirse polo sistema de libre designación. Porén, a documentación aprobada en Xunta de Goberno en ningún momento xustificou os motivos sobre os que basearía esa excepcionalidade.
* http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140916/AnuncioG0244-090914-0009_gl.html